
Este venres 20 de novembro haberá unha nova sesión de teatro familiar no Centro Social de Abanqueiro (Boiro). Trátase de Carapuchiña Vermella, unha presentación teatral para a rapazada a cargo da agrupación Pedras de Cartón. Será ás 20.00 horas con entradas dispoñíbeis dende unha hora antes da función.
Carapuchiña Vermella o quinto espectáculo da compañía, no que traballa cun dos clásicos máis populares da literatura infantil. Carapuchiña é un conto de transmisión oral, adaptado posteriormente por Charles Perrault e máis tarde polos irmáns Grimm.
Pedras de cartón toma como punto de partida o clásico para xogar cos contos populares. Nunha vella panadaría, dous panadeiros comezan a súa rutina diaria na que van colocando os pans, os bolos e tódolos utensilios para abrir a tenda. Mais ese día pasan os minutos e ninguén aparece… A partir desta situación a peza xoga a desarmar os contos clásicos que todas e todos coñecemos: Os tres porquiños, Brancaneves, o Parrulo Feo, Pinocho... e a Carapuchiña Vermella.
Trátase dunha comedia de teatro de obxectos protagonizada por Juan Rodríguez e Leonardo Casado. Un espectáculo que xoga coas diferentes versións da historia, cunha linguaxe sinxela, para toda a familia e ambientada no mundo da panadaría tradicional.
Pedras de cartón nace en 2019 na Coruña coa intención de adaptar os clásicos da literatura. Crean propostas para toda a familia cunha clara aposta por explorar novas linguaxes e estéticas co obxectivo de promover o gusto das máis pequenas polas novelas clásicas. A compañía conta con profesionais cunha ampla traxectoria no teatro para a infancia e a xuventude, da man de Juan Rodríguez, socio fundador de Caramuxo Teatro.



