
Padrón vén de ser premiado como Pobo Máxico do Ano 2027, a máxima distinción concedida pola rede Pueblos Mágicos de España dentro dos seus Premios Nacionais. O galardón sitúa o municipio padronés á cabeza dunha edición que recoñece a posta en valor do patrimonio histórico, o patrimonio natural, a xestión turística, a implicación do sector servizos, a innovación e a comunicación nos territorios que forman parte da rede.
Este novo recoñecemento chega despois de que Padrón fose elixido Pobo Máxico de Galicia en 2025 e de que o municipio acollese o pasado mes de outubro o VI Encontro Nacional de Pueblos Mágicos de España.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, celebrou a concesión dun premio que “chega despois de ser recoñecidos como Pobo Máxico de Galicia e que evidencia o enorme peso e proxección do noso atractivo turístico, así como o empeño do Concello e do noso sector servizos por ofrecer unha oferta turística de enorme calidade, que cada vez é máis coñecida en España e no mundo”.
Para o rexedor, este novo distintivo “supón un recoñecemento ao traballo que se está facendo para poñer en valor todo aquilo que fai de Padrón un destino singular: a nosa historia, o noso patrimonio, a nosa cultura, as tradicións, a gastronomía, a paisaxe e, por suposto, as persoas que lle dan vida ao municipio”.
Engade que a distinción contribúe así a consolidar Padrón como un destino cultural, patrimonial e turístico de referencia a nivel nacional e supón un novo impulso para continuar avanzando na promoción dun modelo de turismo sustentábel e de calidade.
A máxima distinción tras o éxito de 2025
Padrón forma parte da rede Pueblos Mágicos de España desde novembro de 2024, sendo a primeira localidade da provincia da Coruña en incorporarse a este selo de promoción turística e territorial.
Só un ano despois da súa incorporación, o municipio foi recoñecido como Pobo Máxico de Galicia 2025, un galardón ao que agora se suma a máxima distinción estatal como Pobo Máxico de España do ano 2027.
A rede Pueblos Mágicos de España ten como obxectivo poñer en valor os recursos locais e favorecer o desenvolvemento turístico e territorial dos municipios adheridos, destacando a súa singularidade, patrimonio e identidade.
No marco dos Premios 2027, as votacións permaneceron abertas ata o pasado 13 de novembro ás 23.59 horas, e a organización fixo pública este luns 16 de novembro a comunicación dos municipios galardoados.
O Concello de Padrón agradece o apoio recibido por parte da veciñanza, establecementos turísticos, asociacións, colectivos, centros educativos, sectores profesionais e de todas as persoas que contribuíron á promoción e difusión do municipio e da súa candidatura.
O alcalde fixo unha mención especial para “recoñecer e valorar o traballo realizado dende a Concellería de Turismo e Festexos do Concello de Padrón, xestionada por Chus Campos, que conta coa enorme profesionalidade e implicación do noso técnico de turismo, Alberto Rey”.
Anxo Arca tamén felicitou ao municipio irmán de Arjonilla, distinguido nesta edición como Pobo Máxico de Andalucía.



