Máis de 12.000 sinaturas avalan a primeira lei a nivel mundial para protexer ecosistemas en restauración

09 Novembro 2026

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para crear unha nova figura legal de protección ambiental, as Áreas de Restauración Ecolóxica, completou este luns 9 de novembro o proceso que permitirá a súa toma en consideración ao entregar no Parlamento galego máis de 12.000 apoios de cidadáns galegas.

A proposta quere establecer un marco xurídico específico para impulsar a recuperación de ecosistemas degradados e garantir que os espazos restaurados conten cun réxime de protección que evite a súa deterioración no futuro. A Comisión Promotora manifestou a súa satisfacción logo de superar a fase de recollida de sinaturas, que riquería un mínimo de 10.000 avais por parte de electoras censadas na comunidade autónoma.

Segundo explicou a Comisión, “trátase da primeira vez a nivel mundial que se propón unha nova categoría de espazo protexido orientada especificamente á recuperación funcional de ecosistemas degradados”. Se a proposta é aprobada, cada unha destas áreas contará cun Plan de Restauración Ecolóxica vinculante, no que se definan os obxectivos ambientais, as actuacións necesarias, os indicadores de seguimento e o réxime de usos permitidos ou limitados.

A Comisión Promotora, que integra representantes de diversos colectivos ambientalistas e veciñais, sinala que unha parte significativa dos ecosistemas galegos (terrestres, fluviais, costeiros e mariños) “sofre procesos de degradación provocados por factores como a transformación do territorio, os incendios recorrentes, o abandono de prácticas tradicionais, as alteracións hidromorfolóxicas ou os efectos do cambio climático”. Neste contexto, consideran que “a conservación dos espazos mellor preservados, sendo fundamental, non é suficiente para frear a perda de biodiversidade”.

Lembran que o novo Regulamento europeo de restauración da natureza establece o obxectivo de restaurar polo menos o 20 % das áreas terrestres e mariñas da Unión Europea antes de 2030, polo que os promotores consideran “necesario contar cun instrumento legal propio que permita aplicar estas políticas de forma eficaz e adaptada á realidade territorial galega”.

A Comisión aspira a que a lei marque un fito no contexto da Década das Nacións Unidas para a Restauración dos Ecosistemas, que finaliza en 2030.

A iniciativa tamén aposta pola “participación social na restauración da natureza” ao permitir que a declaración destas áreas puidese partir non só da Administración autonómica, senón tamén das entidades locais, das persoas propietarias dos terreos, das comunidades de montes veciñais en man común, das entidades de custodia do territorio ou das confrarías de pescadores e pescadoras no ámbito mariño.

Ademais, o texto prevé mecanismos para “facilitar a posta en marcha destes proxectos, como a prioridade no acceso a fondos públicos destinados á restauración ecolóxica, á conservación da biodiversidade ou á adaptación ao cambio climático, así como incentivos fiscais asociados á adquisición de terreos ou ás doazóns destinadas á restauración ambiental”.

A proposta conta co respaldo de numerosas entidades ambientalistas e conservacionistas (Asociación Galega de Custodia do Territorio, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Asociación Senda Nova, Asociación Corripa, Ecoloxistas en Acción, Fundación Montescola, Fundación Naiterra, Greenpeace e Verdegaia) así como de comunidades de montes veciñais en man común integradas en Montes Vivos, a Rede de áreas conservadas por comunidades locais.

Completada a entrega das asinaturas, o seguinte paso será que a Xunta Electoral e a Oficina do Censo Electoral validen as mesmas. Completado este trámite terá lugar o debate de toma de consideración por parte do pleno do Parlamento. A Comisión Promotora confía que a proposta obteña o apoio unánime da cámara e que a proposta se convirta en lei o próximo ano.

Outros artigos

O Magosto Solidario de Lousame reúne a centos de persoas

O pasado sábado, 7 de novembro, o Concello de Lousame celebraba o seu Magosto Meigo. Logo de ser adiado por mor do loito nacional polo accidente ferroviario de Urda, o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra acollía este festexo solidario coa Cruz Vermella de...

+

Rianxo acolle o sábado un obradoiro audiovisual para a rapazada

O Auditorio Municipal de Rianxo vai ser o escenario dun obradoiro formativo que mostrará os segredos da filmación ás novas xeracións rianxeira. Trátase do Obradoiro Audiovisual Crea a túa curta, organizado pola Asociación Alberto Romero coa colaboración do Concello de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.