
O pasado sábado, 7 de novembro, o Concello de Lousame celebraba o seu Magosto Meigo. Logo de ser adiado por mor do loito nacional polo accidente ferroviario de Urda, o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra acollía este festexo solidario coa Cruz Vermella de Noia ao que asistiron centos de veciños e veciñas.
Ao chegar ao encontro, a veciñanza entregaba cadansúa entrada a xeito de doazón de produtos de limpeza ou hixiene. Cada persoa, a cambio desa doazón, recibía dous vales por cada membro da familia: un para trocar por un cucurucho de castañas e outro por un chouripán.
Tamén houbo música neste Magosto e correu a cargo das Cantareiras da UNED Sénior de Lousame e o grupo de gaitas O Son do Pote, para rematar cunha sesión de DJ Rockiño.
No polideportivo formáronse dous grupos. As persoas adultas nas gradas, dando boa conta das castañas e do chouripán; mentres que a rapazada desfrutaba na pista polideportiva con xogos tradicionais, dous inchábeis e obradoiros de maquillaxe de Samaín, ademais da merenda. Outra dos aspectos que chamou a atención, foi a cativada que se animou a vir caracterizada de Samaín, completando moitos a súa fasquía no posto de maquillaxe.
Engadir que o evento estivo presidido polo alcalde, Esteban Ares García, polas concelleiras de Cultura, Silvia Agrafojo, e Deportes, Mariel Agrafojo.




