
A folga está recoñecida como un Dereito Fundamental na Constitución española, concretamente no seu artigo 28, entendendo como algo necesario para defender os intereses socioeconómicos e profesionais dos traballadores. Así mesmo o artigo 4 do propio Estatuto dos Traballadores considera o Dereito á Folga como un Dereito laboral para a defensa dos lexítimos intereses dos traballadores.
Que algún responsable político poña en cuestión ese dereito ou ben entenda que non debese de exercerse é algo preocupante para calquera país democrático, onde a Liberdade é un dos valores máis fundamentais. Normalmente, a dereita política case sempre defende ao empresariado e a esquerda ao conxunto dos traballadores, por iso en ocasións desoriéntanse das súas responsabilidades públicas e entran a tomar partido.
A folga xeral, do próximo 11 de novembro, pretende ser unha reivindicación xeral sobre a precaria situación de moito colectivos laborais e da cidadanía en xeral. Desde os pensionistas, educadores, estudantes, amas de casa, mozas e mozos, sanitarios, transportistas, agricultores, pescadores e un longo etcétera de colectivos que pretenden unha maior calidade na atención sanitaria e a educación pública así como que o dereito á vivenda sexa unha realidade tanxible e que a maioría dos traballadores e as súas familias poidan vivir cuns soldos dignos e suficientes para chegar a fin de mes.
A folga é un dereito dos traballadores e como tal temos a obrigación de tomar parte activa ou ben ir traballar, con total liberdade.



