O PSOE de Ribeira critica a xestión dos plenos e di que a alcaldesa permite insultos dende o seu goberno

27 Outubro 2026

O PSdeG-PSOE de Ribeira, a través do seu voceiro Francisco Suárez-Puerta, emitiu un comunicado relativo ao pleno da Corporación deste 26 de outubro. Nel critican “o descontrol no que o Partido Popular está a converter os plenos municipais” e din que na sesión celebrada este luns o Goberno só presentou un asunto novo, impulsado pola Asociación Española Contra o Cancro e a Deputación da Coruña, presidida polo PSdeG, mentres o resto dos puntos procedían da sesión anterior. “Estamos ante unha falta de iniciativa que contrasta coa acumulación de propostas socialistas que a alcaldesa non permite chegar a debater”, indicou o voceiro do PSdG, engadindo que “o próximo mes, con sorte, poderá tratarse a proposta para que os concelleiros informen sobre o cumprimento dos acordos plenarios, unha cuestión sobre a que o Goberno leva dous meses evitando dar explicacións”.

O grupo lembrou ademais que “tamén quedou sen debater a iniciativa socialista para estudar a declaración de Ribeira como zona de mercado residencial tensionado, tras unha sucesión de intervencións prolongadas, sobreactuacións e descansos innecesarios que”, segundo o PSOE, “buscaron deliberadamente atrasar o debate ata despois das eleccións nacionais”.

“Non lles importa a vivenda nin os problemas dos veciños de Ribeira, impórtalles o calendario electoral nacional”, sinalou Suárez-Puerta, indicando que “o máis preocupante foi a actitude da alcaldesa, que anteriormente esixira unha aplicación estrita do regulamento para impedir o debate sobre a residencia de maiores e agora permite interrupcións, insultos e descualificacións de todo tipo”.

Así, indican que “durante o debate sobre o ciberacoso, a concelleira de Educación, Juana María Brión, realizou comentarios que os socialistas cualifican de gordófobos, aos que tamén se sumou Vicente Mariño, mentres a señora Barreiro profería outras descualificacións ás que, por desgraza, os socialistas xa estamos acostumados”.

Os socialistas din tamén que o tenente de alcalde, Vicente Mariño, “chegou a interromper reiteradamente ao portavoz socialista durante a defensa dunha proposta para publicar na web municipal un calendario das actuacións de limpeza previstas, iniciativa coa que o PSOE pretendía responder á preocupación veciñal polo estado de sucidade de Ribeira, permitindo coñecer cando e onde ten previsto actuar o Concello”.

“Para nós o máis sorprendente é que a alcaldesa, responsábel de garantir a orde e o cumprimento do regulamento, unicamente chama a atención á oposición, sen realizar unha soa chamada á orde aos membros do seu Goberno”, indicou Suárez-Puerta, lamentando que “os plenos municipais se estean convertendo nun espectáculo no que o Goberno evita render contas, atrasa propostas e tolera os insultos dos seus propios representantes”.

Outros artigos

Mércores 28, xornada de tempo seco e máximas en ascenso

A metade oeste concentrará a maior parte da nubosidade, mentres que os termómetros gañarán graos durante as horas centrais do día. A comunidade galega vivirá este mércores unha xornada marcada polo tempo seco e un ascenso moderado das temperaturas máximas, como...

+

Novo número de nosa edición impresa de Código Cero

Como todos os meses, chega outro número de Código Cero na súa edición impresa, que se pode achegar de balde nunha completa rede de puntos de distribución, podéndose descargar tamén en formato PDF ou ler en dispositivos móbiles a través da aplicación de quiosco dixital...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Realidade e legalidade” – José Manuel Pena

“Realidade e legalidade” – José Manuel Pena

Sen dúbida unha cousa é a realidade e outra moi diferente a legalidade vixente. Desde algúns colectivos sociais e plataformas cidadás atópanse, con demasiada frecuencia, co muro do despropósito de moito gobernantes. Case sempre apelan á “legalidade” para non deixar de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.