Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo”, gañan o Premio Otero Pedrayo 2026

27 Outubro 2026

O Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña) acolleu hoxe a xuntanza do xurado do Premio Otero Pedrayo 2026, convocado nesta edición pola Deputación da Coruña de acordo co carácter rotatorio anual estabelecido no regulamento do certame. Trala deliberación dos seus membros, acordouse conceder por maioría este recoñecemento aos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo”.

Trátase dunha proposta da propia Administración provincial que se suma á histórica nómina dun premio que ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega, recoñecer un labor que constitúa unha contribución eminente ao país e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven á mellora da súa cidadanía e institucións.

A Deputación da Coruña propuxo a candidatura dos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo” por “levar 50 anos publicando unha viñeta diaria, sendo, por tanto, cronistas da historia de Galicia destes últimos 50 anos” tal e como destacou Manel Cráneo na reunión. Con este premio, o xurado recoñece “o valor indiscutíbel do humor gráfico como contribución á cultura de Galicia”.

A xuntanza do xurado estivo presidida por Anxo Manuel Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, mentres que a vicepresidencia recaeu na deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. Na xuntanza participaron tamén, en calidade de vogais e en representación das distintas institucións, o deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández; a funcionaria do servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ruth González Reyes; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; e o secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.

A representación do ámbito académico e científico estivo integrada por Ana Cabana, vicerreitora de Cultura, lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela; Alfonso Caride, Técnico Superior de Actividades Culturais da Universidade de Vigo; Manuel Ferreiro, profesor emérito da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña; María López-Sández, académica de número da Real Academia Galega; Pablo Santiago Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.

Así mesmo, formaron parte do órgano reitor como personalidades de recoñecida autoridade científica e literaria o poeta Luis González Tosar (designado pola Xunta de Galicia): o ilustrador Manel Cráneo (pola Deputación da Coruña); o historiador e Catedrático emérito da Universidade de Vigo Jesús de Juana López (pola Deputación de Ourense) e a técnica de xestión cultural da Deputación de Pontevedra Begoña Fernández (pola Deputación de Pontevedra), xunto con Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos civís da institución coruñesa, na secretaría do xurado.

Premio

O galardón conta cunha dotación económica de 16.000 euros, unha contía que achegan conxuntamente as catro deputacións provinciais e a Xunta de Galicia. Coa resolución adoptada hoxe, a organización prepara xa o acto formal de entrega do galardón, que se celebrará antes de finais de ano. Con este fallo, Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo” incorpóranse a un dos recoñecementos máis relevantes do panorama cultural galego, sucedendo a premiados de edicións recentes como a Coral Polifónica de Pontevedra en 2025, a Coral de Ruada en 2024, Darío Villanueva en 2023, Ángel Carracedo en 2022, e Rosario Álvarez e Menchu Lamas en 2021.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.