
O Centro Social de Abanqueiro (Boiro) dará acollida este venres 30 de outubro á representación de Un deus salvaxe, un espectáculo teatral de Talía Teatro para público adulto. Dará comezo ás 21.00 horas. A entrada terá un custe de 3,5 euros, e poderase mercar na billeteira do Centro Social a partir das 20.00 horas.
Trátase dunha peza para público adulto de 70 minutos de duración.
Escrita por Yasmina Reza, a obra ponnos na pel de dous matrimonios, adultos e civilizados, que teñen un encontro para resolver un incidente protagonizado polos seus fillos pequenos: un deles partiulle dous dentes ao outro nunha pelexa no parque. Nada que uns pais civilizados non poidan resolver. Con este argumento, Yasmina Reza compón unha sátira da sociedade contemporánea e debulla con humor as relacións de parella, a educación, a competitividade,… pero, sobre todo, o exceso de corrección política.



