Anxo Arca reivindica en Padrón o diálogo e o traballo conxunto na apertura do Encontro Nacional de Pueblos Mágicos

24 Outubro 2026

O Campus Tecnolóxico Cortizo reúne a 250 participantes de máis dun cento de municipios nunha cita apoiada pola Deputación da Coruña que suma 24 novas localidades á rede

O concello de Padrón converteuse este sábado no epicentro do turismo con identidade coa inauguración do sexto Encontro Anual de Pueblos Mágicos de España. A cita, que congrega no Campus Tecnolóxico Cortizo a 250 persoas procedentes de máis de 100 municipios de todo o Estado, serviu de marco para que o alcalde padronés, Anxo Arca, fixese un chamamento ao entendemento institucional e á cooperacion público-privada.

Durante a apertura —na que tamén participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o presidente do Ecosistema Máxico de España—, Arca salientou «a necesidade de entendemento, respecto e traballo conxunto para mellorar a vida da xente», subliñando que esa é a principal demanda da cidadanía cara aos seus dirixentes.

O rexedor padronés puxo en valor o apoio financeiro e estratéxico de Turismo da Deputación da Coruña, así como o compromiso de firmas como Grupo Cortizo, Grupo Scala e Finsa para facer posible este evento na capital do Sar, primeiro municipio da provincia en obter a distinción de Pueblo Mágico. Como modelo de cooperación, lembrou tamén o traballo compartido cos concellos irmandados de Santiago, Rianxo e Arjonilla para «afrontar problemáticas comúns e proxectar a nosa oferta turística».

Identidade e gastronomía como sinais de pertenza

O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, presentou o proxecto provincial «A paisaxe que sabe» e reivindicou a vigencia da singularidade local a través do legado rosaliano: «Padrón non é só o pobo de Rosalía; é o pobo que Rosalía inventou para sempre». Regueira defendeu que a condición máxica dos pobos vai máis aló do reclamo de visitantes: «Estamos a afirmar que a maxia segue sendo unha forma lexítima e necesaria de habitar o mundo. Que hai territorios que non se esgotan na súa utilidade, senón que se ofrecen como misterio».

A dimensión enogastronómica da provincia tivo o seu espazo principal na recepción celebrada na noite do venres no pazo de Arretén, onde os asistentes desfrutaron dunha cata de viños da D.O. Rías Baixas (subzona Ribeira do Ulla) acompañada de produtos senlleiros como pementos de Herbón, queixo de Arzúa, polbo á feira, empanada de berberechos de Noia, chocos de Rianxo e mexillón de Arousa.

Debates e novas incorporacións á rede

Ao longo do sábado, coincidindo cos dez anos de traxectoria da rede —que agrupa a axentes de 169 municipios españois—, sucedéronse catro mesas de traballo orientadas á economía local, á activación do territorio e ao turismo inclusivo. Neste último eido destacou a achega de Inés Varela e Begoña Suárez, usuaria e xerente da Asociación Amipa, así como a intervención de María Cortizo, do albergue Villa Vieira da Escravitude.

O encontro acolleu tamén a asemblea xeral na que se formalizou a entrada de 24 novos municipios na entidade. Tras a cea oficial celebrada no Hotel Scala, o programa pecharase este domingo con percorridos culturais pola vila e un xantar de despedida nas instalacións de Finsa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

Conté en comentarios anteriores la historia del italiano, Enzo Rossi, director de unafábrica de pasta, que en el año 2007 se asignó un sueldo de 1.000 euros al mes paraexperimentar en carne propia si era posible vivir con esa cantidad y comprobar así lascondiciones...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.