
Un nutrido grupo de veciños e veciñas de Ribeira asistiron nesta semana a unha charla organizada polo Concello baixo o título Compostaxe doméstica e comunitaria; unha actividade para amosar as vantaxes desta metodoloxía e os dous modelos para reducir o peso da fracción do resto nos contedores xenéricos. Unha opción que tamén supón transformar os residuos orgánicos en compost e darlles unha segunda vida, mellorando así a xestión da materia orgánica e obtendo un recurso útil para hortas e xardíns.

Tamén se afondou en que se pode botar no composteiro, como facer un correcto mantemento do mesmo e o proceso polo que pasan os residuos ata que se converten en compost.

O concelleiro de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, explicou que o Concello de Ribeira “segue dando pasos adiante en materia medioambiental e incidindo entre a cidadanía na importancia da separación na orixe. Recentemente repartimos 110 composteiros domésticos; unha campaña que resultou todo un éxito ao esgotarse en poucos días dende a súa apertura. E, se ben temos esta opción para vivendas unifamiliares que constan dunha parcela, na localidade tamén contamos con dúas illas de compostaxe comunitaria para que poidan facer uso delas quen reside en pisos ou domicilios sen horta. Estas dúas illas sitúanse a carón do aparcamento disuasorio nas Abesadas e na contorna da Policía Nacional. Por iso, apostamos por impartir esta charla para animar á xente a participar na compostaxe comunitaria e, cando teñamos operativa unha nova campaña doméstica, que os nosos veciños e veciñas poidan optar a ter un
destes colectores nas súas fincas”.
A actividade conta co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2027, e está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), Programa Galicia FEDER 2021-2027.



