
Julian Bustelo, alcalde de Rianxo, Julian Alcalde, Concelleiro de Deportes, e Ramón Villanustre, técnico de deportes, presentaron hoxe na Casa do Concello a XII Carreira Popular Concello de Rianxo, que se celebrará o vindeiro 31 de outubro.
A proba está incluída no Calendario Oficial da Federación Galega de Atletismo e no XII Circuíto Provincial de Carreiras Populares, promovido pola Deputación da Coruña.
O alcalde describiu a carreira coma “unha festa deportiva moi consolidada desde fai anos e que enche Rianxo de deportistas, familiares e seareiros”. Engadiu que “nestes momentos estamos xa preto das 300 persoas inscritas e agárdase chegar, coma habitualmente, aos 600/700 participantes”.
O circuíto para as categorías absolutas é de 10 quilómetros, “sendo moi atractivo porque vai polo centro da vila e os participantes reciben o continuo apoio do público”, sinalou o rexedor, engadindo que a proba ten un tramo moi pegado á beira do mar, e cun percorrido moi chairo, o que permite que se fagan bos resultados persoais”.
A inscrición segue aberta ata o martes 27 de outubro de 2026 ás 23:59 horas a través de Emesports.es non sendo posíbel inscribirse despois desa data por temas organizativos e de seguros.
Destacar tamén a grande participación de pequenos deportistas (a partir de 3 anos -2023-).
Informaron tamén de que ademais dos premios económicos “hai un especial para os deportistas locais que gañen a carreira”.
O Trofeo Xosé Neira Hermina lembrará novamente un dos deportistas mais veteranos da carreira, que estivo participando nesta proba mais alá dos 80 anos. Tamén haberá medallas para todas as persoas participantes e agasallo de camiseta da proba para as categorías absolutas.




