O MUGART inaugura este venres unha mostra sobre o artista catalán Lluís Pessa: Gravar a memoria nas pedras

20 Outubro 2026

O Museo do Gravado de Artes vai inaugurar esta semana unha nova exposición: A pegada de Lluís Pessa. Gravar a memoria nas pedras. A cita será este venres 23 de outubro na sala 2 do MUGART (Museo do Gravado de Artes) en Ribeira, ás 20.00 h. memoria nas pedras

Lluís Pessa (Barcelona, 1929-2024) foi un artista fondamente vencellado á vangarda e á arte catalá dende 1948 ata o final dos seus días, deixando unha marca imborrábel a través da pintura, o debuxo, o gravado e a ilustración de libros de artista.

A exposición do MUGART (A pegada de Lluís Pessa) é o froito directo dunha doazón xenerosa efectuada pola familia do creador, composta por vinte e nove pezas litográficas e unha serigrafía excepcionais que pasan a enriquecer os fondos do museo, consolidando a súa “misión de custodiar, expandir e abrir esta colección aos novos horizontes da estampa contemporánea”.

Nado baixo o nome real de Lluís Pesarrodona Cortada, o artista iniciou a súa formación na prestixiosa Escola da Llotja da súa cidade natal, perfeccionándose posteriormente en París na École Nationale Supérieure des Beaux-Arts. Segundo lembran dende o MUGART, “esta sólida instrución de Lluís Pessa permitiulle adentrarse na esencia mesma do oficio e no dominio rigoroso do gravado, a litografía e a serigrafía, forxando unha linguaxe profundamente persoal onde o trazo, a mancha e a textura dialogan sen parar”.

No libreto de Pastor Rodríguez (director do MUGART) que acompaña a mostra explícase que xunto á súa formación académica, as súas estadías infantís na comarca da Conca de Barberà (Tarragona) definiron con forza a súa memoria visual inicial, tinguindo as súas primeiras producións coa presenza constante da natureza do campo tarraconense e os seus ceos cambiantes. Ao longo da súa carreira, Pessa compaxinou a creación pura con outros labores indispensables do ecosistema cultural.

Na década dos cincuenta comezou a traballar como autor de carteis cinematográficos, unha faceta técnica e publicitaria que nos anos setenta evolucionaría cara á dirección do seu propio taller de rotulación para cines e teatros en Barcelona, executando importantes proxectos a nivel nacional. Este labor complementouse de maneira natural coa docencia na celebrada Escola Massana de Barcelona, transmitiu a súa meticulosa concepción do deseño e da arte visual.

O percorrido vital e profesional de Pessa está marcado por fitos expositivos e premios que reflicten unha investigación incansable:

· 1948–1955: participa na súa primeira mostra colectiva en Barcelona. Inicia o seu labor no cartelismo cinematográfico en 1953 e viaxa a París en 1955 para expandir a súa formación académica.

· 1957–1959: realiza a súa primeira exposición individual, obtén o Premio de Pintura Círculo Metropolitano e colabora na revista La Ballena Alegre. En 1958 participa en Órbita e aprende a técnica da augaforte no Conservatorio das Arts del Llibre de Barcelona con Jaume Pla e Joan Comerelan. En 1959 expón os seus gravados en Sant Feliu de Guíxols e no Ateneo Barcelonés.

· 1962–1967: retoma as exposicións individuais. En 1964 viaxa a Londres, París e Berlín, presentando mostras de pintura e gravado. Expón en Barcelona e en Londres en 1965, e realiza outras dúas exposicións en 1966. En 1967 exhibe augafortes e serigrafías, participa na I Bienal Internacional de Pintura e recibe novos premios.

· 1971–1978: intensifica a ilustración de libros e portadas. Expón internacionalmente en Berna e en cidades como Barcelona, Manresa e Hospitalet. Entre 1974 e 1976 presenta retrospectivas da súa obra gráfica (período 1958-1976) na capital catalá, culminando con outra individual en 1978.

· 1981–1987: expón de forma individual en Barcelona e, en 1983, acode a Xenebra para participar na mostra colectiva en homenaxe a Joan Miró. En 1985 expón en Palma de Mallorca canda Fusako Yasuda. En 1987 arranca a súa colaboración fundamental e histórica co poeta vangardista Joan Brossa.

· 1995–2008: culmina as súas colaboracións periódicas con Brossa (1995) e ilustra A Kenji Mizoguchi, de Pere Gimferrer (1998). Ás portas do novo século (2000- 2001), elabora libros de artista canda Yasuda, Zbikowska e Mestres Quadreny. En 2002 expón en Tokyo e Barcelona. Entre 2003 e 2008 recibe importantes recoñecementos institucionais en Italia (Florencia, Livorno, Grosseto e Xénova).

· 2010 en diante: mantén os seus lazos internacionais e a vixencia da súa arte con exposicións continuas entre Barcelona e Tsuyama (Xapón), demostrando unha lucidez creativa que o acompañou ata o final dos seus días.

Outros artigos

Rianxo e A Estrada xa son oficialmente concellos irmáns

Este luns 19 de outubro formalizouse finalmente a sinatura do protocolo de irmandamento entre os concellos da Estrada e Rianxo, historicamente unidos polas figuras de Virxinia Pereira Renda (A Estrada) e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo). A fraternidade...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

“A lei é para todos… salvo para algúns?” – José Luis Calo

Hai case oito séculos, as Sete Partidas de Alfonso X pretendían establecer unhas regras comúns para ordenar a sociedade. Hoxe vivimos nunha democracia con leis e mecanismos de control, pero segue vixente unha pregunta fundamental: de que serven as normas se quen debe...

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

“Indefensión frente a la nesciencia”. José Fernández Lago

Soy un ciudadano de a pie, que no entiendo el organigrama gubernativo. Cierto que me siento con el derecho de considerar que los que ostentan algún tipo de cargos deberían tener los estudios oportunos, y no simplemente facilidad para comunicarse entre ellos y para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.