- A medida non supón restricións automáticas no consumo, que continúan supeditadas aos niveis de escaseza de cada concello.
- Un total de 123 municipios contan con afectacións parciais ou totais: 32 permanecen en alerta e 91 en prealerta, mentres a conca do río Grande sae da fase preventiva.

A Xunta de Galicia acordou declarar en situación de seca prolongada a totalidade da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa tras constatar un descenso continuado das precipitacións respecto dos rexistros habituais. A decisión faise extensiva a toda a bacía autonómica logo de aplicarse a finais de setembro nos subsistemas de Ulla-Tambre e da Costa Norte, segundo o estipulado no Plan especial de seca vixente desde 2022.
A declaración de seca prolongada responde a un indicador estritamente meteorolóxico e hidrolóxico, polo que non implica por si mesma a entrada en vigor de cortes nin limitacións xerais na subministración. Os condicionantes reais nos consumos continúan ligados aos niveis de escaseza declarados para cada sistema específico. A día de hoxe, a ocupación media dos encoros de abastecemento da demarcación sitúase no 44,7 %, o que supón 14 puntos menos que no mesmo período de 2025.
Tras a xuntanza da Oficina Técnica da Seca —presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, xunto a responsables de Protección Civil, MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e Medio Rural—, mantívose sen variacións o mapa de escaseza coa única excepción do sistema do río Grande, en Camariñas, onde se desactivou a prealerta grazas á recuperación dos seus indicadores nas últimas semanas.
Na actualidade, 123 concellos galegos contan con parte ou a totalidade do seu termo municipal dentro de zonas con escaseza conxuntural:
- Alerta (32 concellos): É o segundo chanzo de maior gravidade no plan autonómico e contempla a posibilidade de vetar usos non prioritarios (baldeo de rúas, rega de xardíns privados e públicos ou enchido de piscinas), ademais doutras medidas de contención. Afecta a municipios vinculados ás bacías do río Lérez (como Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo ou Bueu), do río Anllóns (Carballo, Arteixo, Culleredo ou A Laracha, entre outros) e ao concello de Baiona.
- Prealerta (91 concellos): Supón un réxime de vixilanza reforzada sobre o estado de encoros e ríos, chamamentos á concienciación veciñal para o aforro e a obriga municipal de remitir diariamente a Augas de Galicia os partes de caudal consumido. A incidencia neste grupo é desigual, dado que varios municipios só teñen unha parte marxinal do termo na unidade afectada e captan a súa subministración noutras concas.
O resto da demarcación de Galicia-Costa mantense en parámetros de normalidade en canto á dispoñibilidade de auga para o abastecemento poboacional.
Os 91 concellos incluídos territorialmente nas UTE en prealerta e non contados xa nas zonas en alerta, para evitar duplicidades, son:
| UTE río Tambre e ría de Muros | Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar |
| UTE río Mandeoe ría de Betanzos | Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol e Guitiriz |
| UTE río Landroe río Ouro | Alfoz de Castrodouro, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro |
| UTE Ferrol (río Mera, ría de Ortigueira e ría de Cedeira) | Ares, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cerdido, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Valdoviño, Moeche, Neda, San Sadurniño e As Somozas |
| UTE río Verdugo,ría de Vigo e ría de Baiona | Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior e Vigo |
| UTE costade Pontevedra | A Guarda e O Rosal |
| UTE río Umia e ría de Arousa marxe esquerda | A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, O Grove, Portas, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa |
| UTE río Mero,Arteixo ería da Coruña | A Coruña e Cambre |



