
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo este mércores unha reunión de traballo co patrón maior da Confraría de Pescadores de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, co gallo de tratar diversos asuntos de relevancia para o pósito, centrados principalmente en recursos estratéxicos como a volandeira.
O encontro, que forma parte da rolda de contactos e escoita activa que mantén a Consellería do Mar cos axentes do sector marítimo-pesqueiro, puxo sobre a mesa a necesidade de reforzar o seguimento continuo da actividade e as medidas de control, prestando especial atención á pesqueira deste bivalvo tan representativo da ría.
Así mesmo, durante a sesión analizáronse diferentes liñas de actuación e proxectos susceptibles de recibir financiamento a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), orientados a modernizar os procesos, asegurar a sustentabilidade das capturas e apoiar a actividade económica do colectivo mariñeiro rianxeiro.


