- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu a primeira xuntanza do pleno trala renovación das súas comisións sectoriais.
- Galicia reclama ao Goberno central que adapte o réxime da Seguridade Social ás paradas biolóxicas e ambientais do marisqueo a pé.

O Consello Galego de Pesca reuniuse esta tarde en sesión plenaria para fixar as prioridades estratéxicas do complexo mar-industria nun momento crave para o futuro da actividade. O encontro, presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, supuxo a estrea da nova composición dos vogais das súas comisións sectoriais, unha actualización deseñada para axustar a representación do órgano consultivo á realidade produtiva actual.
Un dos puntos centrais da xuntanza foi o debate da proposta técnica elaborada por expertos das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña para crear un sistema específico de protección social destinado ás mariscadoras a pé en situacións de cesamento de actividade. Villaverde subliñou que o actual réxime xeral de autónomos resulta ineficaz ante paradas forzosas provocadas por episodios ambientais extremos, tales como as caídas de salinidade rexistradas o pasado inverno.
O documento técnico presentado achega unha folla de ruta normativa concreta para que o Goberno central, a través da Seguridade Social e do Instituto Social da Mariña (ISM), acometa os cambios precisos. O plan expón:
- Melloras substanciais nas coberturas de carácter ordinario e extraordinario.
- A posibilidade de compatibilizar a percepción da prestación económica co desenvolvemento de tarefas de rexeneración e coidado dos bancos marisqueiros.
Defensa pechada dos fondos comunitarios
Durante o pleno tamén se abordou o resultado do Consello Consultivo de Política Pesqueira celebrado onte en Madrid co ministro Luis Planas, preparatorio para as negociacións do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 da Unión Europea.
A titular de Mar trasladou a postura unánime de Galicia en Bruxelas: blindar un fondo específico e independente para a pesca e a acuicultura dotado con, polo menos, 7.290 millóns de euros, rexeitando calquera tentativa de diluír estes recursos en partidas xenéricas.
Así mesmo, a Xunta reivindicou que a futura Política Pesqueira Común (PPC) debe permitir a modernización e remuda dunha frota avellentada sen que as melloras en habitabilidade, seguridade ou eficiencia enerxética sexan penalizadas como aumento de esforzo pesqueiro, garantindo que os criterios medioambientais non comprometan a viabilidade socioeconómica dos profesionais do mar.




