Este sábado, 19 de setembro (ás 19.00 horas), o Cine París de Muros acolle a inauguración da mostra Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión, da Deputación da Coruña, acompañada dunha charla da investigadora e coordinadora da exposición, Montse Fajardo Pérez.
A exposición percorre a historia de mulleres galegas que loitaron por conquistar dereitos e espazos de participación, pero tamén a represión e o silencio aos que moitas delas foron sometidas. Unha memoria que durante moito tempo quedou fóra do relato histórico e que hoxe é necesario recuperar.
“Non podemos dar por feitas as conquistas acadadas. Coñecer de onde vimos axúdanos a entender por que é tan importante seguir traballando pola igualdade”, asegura Maruxa Martínez, concelleira de Muller e Igualdade, engadindo que “desde o Concello queremos que Muros sexa tamén un espazo para a memoria, para o recoñecemento e para poñer no centro as historias das mulleres”.
A exposición propón unha andaina pola loita que as galegas, e nomeadamente as mulleres da provincia da Coruña, emprenderon durante cen anos: desde o agrarismo de finais do século XIX ata o papel xogado no proceso de transición iniciado tras a morte do ditador Francisco Franco. Formada por 39 paneis, a mostra está dividida en tres grandes bloques, que a trazo groso se corresponderían co tempo anterior ao golpe de Estado, o período que vai deste ao fin da guerrilla, e o da loita en prol da recuperación das liberdades democráticas.
Sinaladas ten por obxecto dar a coñecer a centos de mulleres, que malia o sinaladas (destacadas) que eran, ficaron descoñecidas logo de ser sinaladas (perseguidas) pola intransixencia, non só franquista, que as relegou a un esquecemento do que esta mostra as quere quitar.





