
O Bloque Nacionalista Galego emitiu un comunicado no que reclama ao Goberno municipal do Partido Popular que “rectifique de inmediato as modificacións introducidas este curso no programa municipal de conciliación e que atenda as demandas trasladadas polas nove ANPAs dos centros educativos de Ribeira”.
O BNG engade que “mantivemos un contacto estreito e directo coas asociacións de nais e pais nos últimos días e consideramos plenamente razoábeis as súas reclamacións, especialmente tendo en conta que o curso escolar comeza sen que as familias conten coa información e coa planificación necesarias sobre un servizo fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar”.
Os nacionalistas engaden que “esta medida pioneira do programa de conciliación púxose en marcha o ano pasado con Luís Pérez Barral como alcalde”, quen recoñeceu terse reunido con todas as asociacións para acordar que o Concello sufragaría unha hora de monitorado en cada centro público do municipio, deixando ademais nas mans de cada ANPA a decisión de destinala ao servizo de madrugadores ou ao comedor escolar, en función das necesidades concretas de cada comunidade educativa.
E apuntou Luís Perez Barral: “O que fixemos foi escoitar as ANPAs e darlles liberdade para decidir onde era máis necesaria esa hora de monitorado. Non todos os centros teñen as mesmas necesidades e non todas as familias teñen os mesmos horarios. Porén, o Partido Popular decidiu modificar este ano o funcionamento do programa, facendo que comece en outubro e establecendo que a hora de monitorado se destine exclusivamente ao servizo de madrugadores. Ademais, introduce un mínimo de oito nenos e nenas para que o servizo poida funcionar”. O BNG sinala no comunicado que a presión exercida conseguiu que se corrixise e que o servizo comece o día 14 “cando”, apuntan, “a pretensión era deixar tiradas ás familias todo o mes de setembro”.
Para o BNG, “estas decisións supoñen un paso atrás e prexudican os centros máis pequenos das parroquias. Non ten sentido aplicar unha mesma solución a nove centros que teñen realidades completamente diferentes. Nalgúns a principal necesidade é o servizo de madrugadores e noutros é o comedor. O Concello debe poñer os recursos públicos ao servizo das necesidades das familias, non obrigar as familias a adaptarse a unha decisión tomada desde un despacho”.
Luís Pérez, que estivo acompañado das concelleiras Cruz Rivadulla e Antía Alberte, engadiu que é “especialmente grave que o Concello non mantivese unha reunión coas ANPAs para abordar estas modificacións”. Apuntou que “as asociacións xa trasladaran esta cuestión no Consello Escolar Municipal celebrado o pasado mes de maio e, segundo denuncian, desde entón non recibiron a información nin a resposta comprometida polo Goberno municipal”.
“Se o Concello tivese escoitado as ANPAS, probablemente non estariamos hoxe nesta situación. Levamos todo o verán vendo a María Sampedro e o seu equipo do PP de festa en festa e de foto en foto, pero gobernar non é iso. Gobernar é escoitar, planificar e atender as necesidades da veciñanza. E hoxe, no primeiro día do curso, temos familias que non saben como vai funcionar un servizo básico de conciliación, ANPAS ás que non se lles dá resposta e problemas co transporte escolar. As fotografías poden quedar ben nas redes sociais, pero a prioridade dun goberno debe ser que os servizos públicos funcionen e dar solución aos problemas reais das familias”, denuncia Luís Pérez Barral.
O BNG reclama ao Goberno municipal que “elimine o requisito mínimo de oito usuarios, recupere a flexibilidade para que cada centro poida escoller entre madrugadores e comedor e garanta o inicio do servizo desde o comezo do curso, ademais de establecer unha canle de comunicación directa e estable coas ANPAs”.
O ex alcalde dixo tamén que “a esta situación súmase o mal funcionamento do transporte escolar no primeiro día do curso, con incidencias que afectaron alumnado de centros como Palmeira e Aguiño, así como a estudantado dos institutos”.




