A mostra reúne creacións que van desde 1993 ata 2025 nun acto que congregou a un cento de personalidades do mundo da arte e da cultura galega
O Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital (MUGART) de Ribeira inaugurou este sábado a exposición ‘Macropsia’, da artista plástica e académica Mónica Alonso. A mostra propón un diálogo entre as súas primeiras pezas (1993-1994) e as súas obras máis recentes (2024-2025), reflectindo tres décadas de rigor conceptual e evolución arredor da percepción do espazo, a memoria e o fogar.
A inauguración congregou a asistentes na Sala 0 do espazo museístico. O acto contou coas intervencións de Xoán Pastor Rodríguez, director do Mugart; Ana Barreiro, concelleira de Cultura de Ribeira; Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA); e Javier Expósito Paradela, vicepresidente da Fundación Museo de Artes do Gravado (FMAG).

A distorsión dos espazos e a memoria
O concepto central da mostra xira arredor da macropsia —a alteración perceptiva pola cal os obxectos e espazos se perciben cun tamaño moi superior ao real—, unha vivencia que marcou a linguaxe artística de Alonso ao longo da súa traxectoria. A través de elementos cotiáns coma camas, cadeiras ou flores, a creadora transforma os recintos habitados en lugares de acubillo, soño, desbordamento e memoria. O percorrido expositivo reflicte o tránsito dende os seus emblemáticos «Cuartos de loucura» ata os actuais «Cuartos que explotan», transitando da contención á liberación do espazo.
Durante a quenda de intervencións, o presidente da RAGBA, Quintana Martelo, gabou a traxectoria e calidade da obra da académica, agradecendo asemade o respaldo dos membros da institución presentes na sala. Pola súa banda, a edil Ana Barreiro destacou a importancia de achegar ao público ribeirense mostras de tanta relevancia plástica e profundidade conceptual.
Proxección internacional do MUGART
O vicepresidente da FMAG, Javier Expósito, ademais de agradecer a xenerosidade da artista, subliñou a vocación universal e o dinamismo do museo ribeirense, debullando a intensa axenda exterior prevista para este ano. Entre os proxectos destacan a presenza en Italia (Bari e a provincia de Lecce) con series de Picasso; mostras no Museo Provincial de Lugo coa obra gráfica de Lodeiro; a exposición ‘Dalí: A Divina Comedia’ no Museo do Mar de Galicia (Vigo); ou a ‘Iconografía de Van Dyck’ no Museo del Grabado de Santa Marta de Tormes (Salamanca), ademais de futuros proxectos internacionais en Corea.
Amplo respaldo cultural e institucional
O evento reuniu unha nutrida representación institucional e artística. Entre os asistentes atopábanse o arquitecto e académico Fernando Agrasar; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; o director da Fundación Laxeiro, Xabier Buján; a presidenta da Asociación Cultural Barbantia, María Xesús Blanco; membros da corporación municipal e do Padroado da FMAG; así como destacados artistas como Veiras Manteiga, Antonio Pérez, Jontxu Argibay e Mónica Rivas, entre outros.





