
O Grupo Municipal Socialista de Porto do Son emitiu un comunicado no que mostra a súa preocupación pola situación económica do Concello. Fíxoo despois de que o Goberno local levase ao pleno unha operación de crédito a longo prazo por 549.132 euros para financiar diferentes obras e investimentos municipais.
“Desde o PSOE deixamos claro que compartimos a necesidade de realizar as actuacións que se inclúen neste expediente, entre outras, obras de saneamento en Basoñas, Seoanes e Queiruga, a renovación do parque infantil de Nebra, da cuberta do consultorio de Portosín, da Casa da Cultura de Caamaño ou diferentes melloras en vías municipais”, sinalan dende a formación, engadindo que “se ben non imos votar en contra de facer un saneamento ou de arranxar unha estrada que o necesita, nunca o fixemos, unha cousa é apoiar as obras e outra non dicir nada sobre como chegamos á situación de ter que pedir máis de medio millón de euros a unha entidade bancaria para poder facelas”, engaden.
Para os socialistas “resulta difícil entender esta situación tendo en conta que Porto do Son conta actualmente cos orzamentos máis elevados da súa historia e que nos últimos anos os veciños tamén tiveron que asumir diferentes subidas de impostos e taxas municipais”.
“Vimos de continuas subidas de impostos co argumento de que era necesario incrementar os ingresos municipais. Temos máis orzamento ca nunca e agora, ademais, temos que acudir ao banco. Cremos que é lóxico preguntarlle ao goberno local que está pasando coas contas do Concello”, apuntan.
O PSOE di no comunicado que “durante anos o Partido Popular utilizou como argumento da súa xestión económica que Porto do Son non tiña débeda con entidades bancarias, aínda que si existisen cantidades pendentes con outras administracións. Era algo do que presumían, por iso chama aínda máis a atención que agora sexa o propio goberno do PP o que propoña volver ao endebedamento bancario cun préstamo de máis de medio millón de euros”, indican.
Os socialistas tamén cuestionan a planificación do Goberno municipal, xa que, segundo din, “a propia Alcaldía cualifica no expediente estas actuacións como urxentes e prioritarias e, ao mesmo tempo, foi necesario tramitar un crédito extraordinario porque non existía crédito suficiente para realizalas”.
Afirman que “se eran obras prioritarias, algunhas delas ademais correspondentes a necesidades que veñen de atrás, o normal sería que estivesen previstas. Estamos falando de saneamento, estradas, parques ou edificios municipais, non de actuacións que apareceran de maneira inesperada”.
Mostran tamén a súa preocupación á vista dos informes de Intervención que acompañan o expediente: “Nun deles”, din, “advírtese expresamente de que financiar investimentos con débeda prexudica o cumprimento do obxectivo de estabilidade no ano no que se produce o gasto”. E engaden: “Non estamos dicindo que o Concello non poida pedir este préstamo nin cuestionamos a súa legalidade. O que dicimos é que estes informes merecen ser tomados en serio. Non parece razoábel presumir dunha situación económica extraordinaria cando o propio interventor está facendo este tipo de advertencias”.
E conclúen: “Desde o PSOE insistimos en que a nosa posición non pretende frear ningún dos investimentos previstos. Queremos que se fagan as obras, porque son necesarias. Pero tamén temos a responsabilidade de controlar como se administran os cartos de todos. E despois de anos de subidas de impostos, cos maiores orzamentos que tivo Porto do Son e despois de escoitar durante anos que este Concello non debía cartos aos bancos, ter que solicitar agora un préstamo de 549.000 euros parécenos un síntoma preocupante e cremos que o goberno municipal debe dar explicacións”.
O Grupo Municipal Socialista pedirá tamén ao Goberno que aclare as condicións nas que se formalizará a operación, o prazo de devolución e o custo que terá para as arcas municipais, así como se existe previsión de recorrer a novas operacións de crédito para financiar investimentos nos próximos exercicios.




