A alcaldesa de Ribeira presenta os resultados da enquisa participativa á Asociación de Bandourrío con quen suma esforzos para o futuro de Cerqueira
A sondaxe municipal recolleu 192 achegas, aliñadas co proxecto presentado pola Asociación Bandourrío con case 2.000 apoios cidadáns.

O Concello de Ribeira e a Asociación Social e Cultural Bandourrío avanzan da man no deseño do futuro da antiga fábrica de Cerqueira. A alcaldesa, María Sampedro, mantivo un encontro co colectivo veciñal para compartir os resultados da enquisa participativa municipal, na que se rexistraron 192 respostas cunha conclusión clara: converter o inmoble nun espazo público multiusos que actúe como dinamizador social sen perder a súa esencia conserveira e industrial.
Os datos da consulta pública coinciden coa proposta presentada pola propia asociación veciñal, avalada por máis de 1.200 sinaturas presenciais, 750 apoios dixitais e as achegas de máis de 30 colectivos do municipio. Ambas as partes coinciden na necesidade de conservar a arquitectura orixinal e integrar a nave nun plan global de rexeneración urbana para o barrio de Bandourrío.
Polivalencia e dinamización sociocultural
O proxecto descarta un uso exclusivo para a infraestrutura e aposta pola flexibilidade funcional ao longo de todo o ano, abrindo o espazo a múltiples iniciativas:
- Actividade cultural e formativa: concertos de pequeno e mediano formato, exposicións de gran tamaño, obradoiros, cursos e xornadas divulgativas.
- Comercio e dinamización local: feiras, mercados temáticos e actividades de promoción turística ligadas ao patrimonio marítimo.
- Uso asociativo e deportivo: áreas de encontro comunitario para entidades sociais e veciñais.
María Sampedro gabou a implicación cidadá e o traballo exhaustivo presentado por Bandourrío, salientando que «a veciñanza debe formar parte activa da acción municipal» e remarcando que a sintonía entre as respostas da enquisa e a folla de ruta asociativa confirma que «Cerqueira ten futuro».



