
A Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza (AAD Barbanza) pronunciará este venres 14 de agosto o pregón das festas do Carme dos Pincheiros. O Concello quere aproveitar esta ocasión para poñer en valor a traxectoria dunha entidade fundada en 1982 e recoñecer o traballo de todas as persoas que formaron e forman parte dela.
Máis de catro décadas de atletismo deixan un destacado palmarés, con 2 medallas en campionatos mundiais -1 ouro e 1 bronce-, 3 en campionatos europeos -1 ouro, 1 prata e 1 bronce-, 78 no ámbito estatal e máis de 700 no galego.
A estes logros súmanse outros resultados relevantes en competicións internacionais: un 8.º, un 15.º e un 23.º posto a nivel mundial; tres 5.º, un 6.º, dous 9.º, un 11.º, un 14.º e un 15.º a nivel europeo; dous 5.º postos en campionatos iberoamericanos e un 5.º nun Campionato do Mediterráneo.
O historial da AAD Barbanza inclúe tamén 1 récord de Europa, 27 récords do Estado e 51 récords de Galicia.
Ao longo destes anos vestiron as cores da entidade deportistas que chegaron a ser internacionais ou conseguiron medallas en competicións internacionais, como Lidia Parada, Ana Peleteiro, Fabián Vidal, Lara Iglesias, Lucas Vázquez, José Santamaría e Manuel Parada.
No ámbito estatal e galego destacan tamén nomes como Jessica Rial, Yria Forján, Gracia Rey, Ana Peleteiro, Lidia Parada, Iria Delgado, Enzo López, Fabián Vidal, Lara Iglesias, Sara Caamaño, Sofía Paz, Fernando Sieira, Lucas Vázquez, Samuel García, Alberto Rodríguez, José Santamaría e Matías Regueira, entre outros.
O pregón permitirá poñer o foco nunha traxectoria iniciada en 1982 e nas persoas que a fixeron posíbel, ao tempo que dará comezo ás festas do Carme dos Pincheiros.
O Concello tivo palabras de agradecemento a atletas, persoal técnico e a todas as persoas vinculadas á Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza “polo traballo e a dedicación ao longo destas máis de catro décadas, cunha mención especial aos adestradores Pepe Moure e Abelardo Moure”.
Así mesmo, o Concello felicita a entidade “polos logros acadados ao longo da súa traxectoria e por ser a protagonista do pregón das festas do Carme dos Pincheiros”.



