
Rianxo acollerá os vindeiros 14 e 15 de agosto unha nova edición do Rock in Rian, un festival que converterá o Parque de Galiza nun punto de encontro para a música galega e que conta co apoio da Deputación da Coruña, a través dunha achega de 29.000 euros da liña provincial de subvencións a festivais.
O cartel desta edición reúne propostas como Familia Caamagno, 9Louro, Bisaiak, De Ninghures, Orquestra Bravú Xangai, EKOS, Tona, Recambios Tucho ou Trópico de Grelos, entre outras, configurando unha programación diversa e con especial presenza da escena musical galega.

Durante dúas xornadas, o Rock in Rian ofrecerá tamén actividades paralelas e propostas destinadas a complementar a programación musical, contribuíndo a dinamizar a actividade cultural e social de Rianxo durante o verán.
A deputada provincial Sol Agra participou na presentación xunto co alcalde Julián Bustelo, o concelleiro de Cultura, Julio Alcalde e as e os integrantes da asociación que posíbel cada ano a materialización do festival (Asociación Rock in Rian).
A deputada lembrou que estamos ante un evento cultural que “nace do traballo asociativo e voluntario dun grupo de mozas e mozos de Rianxo” e “que ano tras ano foi consolidando unha proposta cultural que combina música, participación cidadá, promoción da lingua galega e compromiso co territorio”.
A deputada provincial destacou o carácter integral do proxecto e todo o que o festival representa para Rianxo, para a provincia e para o conxunto de Galicia.
A programación do Rock in Rian combina música en directo con diferentes actividades e iniciativas que buscan implicar a veciñanza e poñer en valor o territorio. A organización aposta así por un modelo de festival vinculado ao tecido asociativo local e á promoción da cultura galega.
O Rock in Rian celebrarase os días 14 e 15 de agosto no Parque de Galiza de Rianxo, cunha programación que reunirá durante dúas xornadas miles de persoas arredor da música e da cultura galega.



