Os municipios de Boiro e Eltziego formalizan os seus lazos coa sinatura dunha Carta de Irmandamento

24 Xullo 2026

Os municipios de Boiro e Elciego (Eltziego en éuscaro) celebraron este venres 24 de xullo un acto institucional de irmandamento co obxectivo de formalizar e poñer en valor os vínculos que unen a ambos os dous municipios. O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o alcalde da localidade arabesa, Juan Carlos Uribe, asinaron a Carta de Irmandamento que oficializa esta unión.

Este acto coincide coa visita bienal que veciñanza de Eltziego realiza ao municipio de Boiro para poñer en valor os seus produtos máis senlleiros así como descubrir a nosa zona. Un intercambio cultural que se repite con delegacións de veciñanza boirense que tamén se despraza cada dous anos á Rioxa arabesa.

Durante o acto ambos alcaldes asinaron unha carta que recolle o compromiso de levar a cabo de forma conxunta experiencias que poñan en valor a cultura, o turismo ou a gastronomía dos dous concellos; fomentar a colaboración entre asociacións e entidades de ambos municipios; así como preservar e difundir o patrimonio histórico, cultural e natural dos dous pobos.

Elciego – Eltziego é un municipio da Rioxa arabesa (encadrado na provincia vasca de Áraba) recoñecido pola súa tradición vitivinícola, polo seu patrimonio histórico e arquitectónico e pola súa aposta pola calidade e o desenvolvemento sostíbel.

“A diversidade deste municipio xunto coa de Boiro, constitúen unha oportunidade para o enriquecemento mutuo mediante o intercambio de coñecementos e boas prácticas en ámbitos como a promoción turística e patrimonial, a gastronomía, a cultura ou o desenvolvemento económico”, explicaron dende o Concello de Boiro, coincidindo coa formación da irmandade entre os dous municipios.

Dende fai anos ambos os dous municipios manteñen un forte vínculo ao realizar intercambios culturais e gastronómicos entre a veciñanza de cada concello que se despraza para poñer en valor os seus produtos e dar a coñecer o seu patrimonio e a súa cultura. Este vínculo veciñal vén de institucionalizarse agora con este irmandamento que supón un marco permanente de colaboración.

As actividades continúan esta fin de semana coa celebración do XII encontro gastrocultural Boiro – Elciego, unha degustación benéfica que terá lugar este sábado 25 de xullo ás 20.00 horas na rúa peonil de Boiro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.