A V Edición de Xiradiscos (Feira do Vinilo do Barbanza) celebrarase o sábado 8 de agosto de 2026 no seu emprazamento (xa) habitual da praza da Porta do Sol de Ribeira. O evento, que se desenvolverá durante todo o día (a partir das 11.00 horas), incluirá un mercadiño cultural (cunha ducia de postos personalizados de arte, artesanía e vinilos), sesións exclusivas de vinilo e concertos en directo (a partir das 21h) de bandas como Thee Blind Crows (grupo de blues-punk de Pontevedra) e Samesugas (punk-rock de Compostela).

Tamén actuarán Feed The Pet (pop-rock independente de Ferrol) e Toño Ferreirós (Boiro).
Organizan o Smart Studio de Nell Martínez e o selo discográfico ribeirán Radix Records, en colaboración co Concello de Ribeira e contando co apoio incondicional de diversas empresas locais.
A quinta edición da feira (unha edición especial) foi presentada este xoves 23 na Oficina de Turismo de Ribeira. Contouse coa presenza de Nell Martínez (Smart Studio) e Nati Mirás, acompañados da concelleira de Cultura Ana Barreiro, quen destacou que a cita “conta cun gran número de adeptos que fixo que, convocatoria tras convocatoria, esta feira fose medrando e incorporando actividades para redimensionarse”. Neste senso, a edil referiuse a este evento como “un punto de encontro para os nostálxicos do formato físico do vinilo e amantes de xéneros musicais máis alternativos, ademais dunha boa oportunidade para descubrir este mundo cultural para quen aínda non se animase a mergullarse no mesmo”.

Pola súa parte, José Manuel Martínez, Nell, sinalou que o obxectivo é sacar esta música “do garaxe, do underground, á rúa”. Tamén valorou positivamente a evolución desta proposta cultural que xurdiu no 2022 na praza de Vigo, onde permaneceu dous anos, para, ao ir in crescendo, pasar á praza de Porta do Sol, cun espazo máis amplo e acorde para todo tipo de actividades complementarias: “A praza da Igrexa ou Porta do Sol foi sempre un lugar de encontro e confluencia e para nós era importante prolongar esta longa tradición e darlle futuro”, sinalou Nell, engadindo que “nisto da música en analóxico e en vinilo todos somos unha familia”, e Xiradiscos vai destinado a permitir que a familia estreite lazos e se incorporen novos integrantes. “Está claro que o vinilo e a música en formatos tradicionais bate forte, e hai moita xente nova que está interesada neste xeito de consumir música”, sinalou, ao tempo que deu as grazas “a todos os equipos de goberno no Concello, que nos apoiaron dende o primeiro momento e sen os cales isto non sería posíbel”. Nell tamén puxo en valor o feito que de Ribeira conte co seu propio selo discográfico independente, Radix Records, que dá voz e distribución a algunhas das bandas indies galegas e estatais máis puxantes do panorama actual.
Pola súa banda, Nati Mirás afondou no contido do mercadiño cultural que contará co clásico espazo á compravenda de discos de vinilo de colección e edicións especiais da man de Radix Records, selo discográfico independente nacido no 2009 en Ribeira que edita os vinilos de numerosas bandas do panorama musical estatal. Así mesmo, este selo posibilita a participación dos grupos que tocan no Xiradiscos.




