
O Concello de Ribeira habilitou unha enquisa participativa sobre o futuro espazo municipal da antiga conserveira Cerqueira, un estudo que se centra no traballo que está a realizar a Administración local para recuperar e activar esta nave de interese para a cidade, vinculada á identidade mariñeira, á cultura, á innovación, á aprendizaxe e ás novas oportunidades para o territorio. En consecuencia, este formulario busca recoller as achegas xerais da cidadanía sobre como debería ser e que valores debería incorporar.
As propostas poden facerse dende mañá, 24 de xullo, e ata o 7 de agosto a través do apartado correspondente na páxina web municipal e dando resposta a catro preguntas que se formulan.
“Igual que xa fixemos coa proposta de obras a incluír no POS 2026, queremos coñecer a opinión da sociedade ribeirense cara a elaborar o proxecto para un inmoble emblemático como é Cerqueira. Queremos que a xente sexa parte activa da política municipal, que participen e que nos fagan as súas achegas. Porque hai que escoitar para acertar. Unha vez teñamos recadados tódolos datos extraídos do formulario, este goberno municipal comprométese a telos en conta para o futuro uso da nave”, explica a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro.



