
Esta semana, o mércores 22, comezaron as Festas Patronais de Santiago de Lampón (Boiro) e fixérono con actividades relixiosas (en Santa María Magdalena) e culturais durante todo o día. A liña de actividade retómase ao grande este venres 25 e proseguirá ata o domingo 26.
O venres (e tamén o sábado e o domingo) arrincará con dianas e alboradas e logo pola tarde haberá xogos para a rapazada (o venres 25). Pola noite actuarán Mar Davila, Trío Bahía e José Costa.
O sábado comezará con actos relixiosos dende as 10.00 horas, con misa rezada polo Apóstolo, alborada con gaiteiros e Os Pequenos do Barbanza, misa solemne, primeiras comuñóns e procesións. Ao longo do día haberá xogos populares, música e baile tradicional (ás 13.30 con Pedra de Aroña e ás 19 con Os Gaiteiriños), concertos (Alberte Montes ás 20h), e o Dúo Chanrada e Los Platinos (a partir das 22h).
O domingo as actividades comezarán sobre as 11h coa procesión pola Virxe do Carme (Virxe dos Mares) dende a Igrexa Parroquial ata o porto, acompañada da Banda de Música de Lousame e dos grupos Os Pequenos do Barbanza, ademais de autoridades. A misa será ás 12 e ao rematar haberá unha procesión marítima pola ría con ofrenda floral polos mariñeiros falecidos.
Pola noite haberá música a partir das 22h, con DJ Matrex. A festa rematará cunha gran tirada de fogos de artificio a cargo da Pirotecnia Resúa.



