O PSdG unirá Bos Aires e Rianxo o 25 de xullo para reivindicar unha Galicia aberta

17 Xullo 2026

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, intervirá desde Bos Aires no acto co que o partido conmemorará como é xa tradición o próximo 25 de xullo, o Día Nacional de Galicia en Rianxo, vila natal de Castelao. Así o anunciou este venres 17 de xullo a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez.

“Besteiro falará desde a cidade na que faleceu Castelao e desde a que defendeu unha Galicia democrática cando facelo dentro do país significaba persecución e silencio”, explicou Méndez.

A conexión, dixo, “unirá simbolicamente Bos Aires e Rianxo, a Galicia do exilio e a Galicia de hoxe, para reivindicar unha identidade aberta, progresista e inseparábel da súa emigración”.

E engadiu: “Uniremos a vila na que naceu Castelao coa cidade desde a que mantivo viva a esperanza dunha Galicia democrática”.

Un momento histórico para a Galicia exterior

Lara Méndez sinalou que a celebración deste ano “adquire unha relevancia especial porque se produce nun momento histórico para a Galicia exterior, tras a aplicación da coñecida como Lei de Netos”.

Esta medida, incluída na Lei de Memoria Democrática e aprobada polo Goberno socialista como unha reparación histórica, permitiu que miles de fillos, fillas, netos e netas da emigración e do exilio accedesen á nacionalidade española.

“Fixemos posíbel que miles de descendentes da emigración recuperasen un dereito e reforzasen os seus vínculos con Galicia”, afirmou Méndez, quen lembrou que a norma “non contou co voto favorábel nin do PP nin do BNG”.

Méndez destacou que a diáspora “forma parte da historia, da identidade e do futuro de Galicia” e defendeu a necesidade de seguir ampliando os seus dereitos e a súa participación na vida política, social e cultural do país.

A intervención do Día Nacional de Galicia enmárcase na viaxe que Besteiro realizará entre o 21 e o 28 de xullo a Arxentina e Uruguai. Durante esta semana desenvolverá unha intensa axenda política, institucional, social e cultural destinada a reforzar a relación coa colectividade galega no exterior, estreitar os vínculos coas forzas progresistas e reivindicar os dereitos das persoas emigradas e dos seus descendentes.

“Queremos reforzar os lazos entre Galicia e América Latina desde unha visión compartida de dereitos, progreso e apertura ao mundo”, sinalou Lara Méndez.

A axenda incluirá reunións con galegos e galegas da diáspora, descendentes da emigración e representantes dos centros galegos, así como encontros con diferentes personalidades políticas e institucionais de Arxentina e Uruguai.

Besteiro reunirase con Carlos Bianco, ministro de Goberno da Provincia de Bos Aires, para abordar as relacións entre Galicia e a provincia arxentina, e manterá encontros con deputados e senadores do país.

En Uruguai reunirase con dirixentes do Frente Amplio para afondar na alianza entre as forzas progresistas galegas, españolas e latinoamericanas fronte ao avance dos discursos autoritarios, reaccionarios e excluíntes”, explicou a secretaria de Organización.

A viaxe incluirá tamén un percorrido pola memoria das grandes figuras galegas do exilio que converteron Bos Aires na gran capital cultural de Galicia durante os anos da ditadura. A axenda estará vinculada a personalidades como Castelao, Luís Seoane e Xosé Neira Vilas, escritor estreitamente ligado á emigración galega en Arxentina e homenaxeado no próximo Día das Letras Galegas.

“Bos Aires foi un espazo de liberdade, cultura e resistencia democrática no que se mantivo viva Galicia cando aquí se pretendía silenciala”, destacou Lara Méndez.

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.