Este sábado 18 regresa á praza do Concello de Ribeira a iniciativa de dinamización comercial Tendas á Rúa, impulsada dende a Asociación de Empresarios de Ribeira (AER) contando coa participación de 19 establecementos locais. As actividades desenvolveranse o sábado 18 en horario de 11:00h a 15:00h. O obxectivo da proposta será, un ano máis, achegar o comercio local a veciños e visitantes.
A vintena de establecementos comerciais que participarán nesta xornada trasladarán parte da súa oferta ao aire libre cunha ampla selección de pezas, complementos e artigos de diferentes categorías, que poderán adquirirse con descontos, “nun ambiente agradable e aberto”, informaron dende a asociación ao tempo que lanzaron un convite a cidadáns e visitantes para que se acheguen o sábado ata a praza do Concello, apoien o comercio local e gocen dunha mañá de compras con ofertas.




