O Concello de Boiro ten preparado, con motivo das Festas do Verán 2026 que se celebran do 3 ao 8 de xullo, un dispositivo especial de seguridade que contempla o aumento de efectivos na rúa, un posto de mando avanzado e a regulación do tráfico para evitar retencións.
Para o aumento da seguridade cidadá o Concello de Boiro contará este ano por primeira vez cun Posto de Mando Avanzado, un sistema de viodeovixilancia que permite controlar, en tempo real, os distintos puntos neurálxicos da festa. Ademais contase, como cada ano, co reforzo das patrullas da Policía Local.

Cortes de tráfico
Debido á montaxe e instalación das distintas infraestruturas para o desenvolvemento dos festexos, durante as festas produciranse diversos cortes de rúa. A avenida da Constitución atopase xa cortada ao tráfico nun dos carrís para a montaxe das atraccións da festa; o carril de baixada cortarase todas as noites pero queda libre para o tránsito durante o día.
Debido á tirada de fogos de artificio prevista para a medianoite do domingo, non se poderá estacionar nin circular na avenida da Avellaneda dende a Manuel María ata a Traballadoras do Mar a partir das 15.00 horas do domingo.
O mércores día 8, último día da festa estará cortada ao tráfico a rúa Principal para a verbena da praza de Galicia, polo que os desvíos para a saída de Boiro se deben facer por Ponte Goiáns ou Espiñeira e os accesos a aparcamento pola rúa Francisco del Rio Romero. Tamén estará cortado ao tráfico a rúa Salvador Allende para o concerto da praza da Mancomunidade.
En todo momento estarán garantidos os accesos a garaxes e vivendas e o paso de vehículos de emerxencias.
Aparcamentos habilitados
En canto aos espazos de aparcamento habilitados con motivo das Festas do Verán o Concello de Boiro manterá aberto o aparcamento da praza de Galicia as 24h, agás o mércores día 8 que non se poderá acceder- Tamén estará aberto as 24h o aparcamento da praza de A Boqueira de A Negral.
A maiores o Concello de Boiro habilitou un novo espazo de aparcamento na zona de Espadañal e espazos de aparcamento na av. da Constitución na zona da Boliña con acceso pola estrada de Abanqueiro e av. da Constitución. O aparcamento da Mancomunidade estará dispoñíbel para o seu uso todos os días agás o mércores día 8.



