O festival Viladomar arranca en Rianxo a súa sétima edición con tres novas intervencións murais

01 Xullo 2026

Lula Goce, Agustina Shuan e Alejandro Mosquera transformarán desde hoxe distintos espazos da vila nunha cita que mestura arte pública, comunidade e patrimonio ata o 11 de xullo.

A arte pública e a creación contemporánea volven ser as protagonistas en Rianxo. Desde hoxe, 1 de xullo, e ata o vindeiro día 11, o municipio arousán acolle unha nova edición de Viladomar, máis alá dos muros. O festival, que cumpre xa sete anos de traxectoria, regresa cunha completa programación que converterá a vila nun espazo de encontro entre artistas e veciñanza, sumando ademais tres novas obras ao seu xa consolidado museo ao aire libre.

A iniciativa, impulsada pola Asociación Cultural Ondiñas Mainas en colaboración co Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, contará nesta ocasión coa participación de tres creadores de prestixio: Lula Goce, Agustina Shuan e Alejandro Mosquera.

Diálogo co pasado e novas localizacións

As intervencións artísticas deste ano distribuiranse por diferentes puntos estratéxicos do termo municipal. Lula Goce será a encargada de actuar na Martela (Rúa Gudiños); Agustina Shuan plasmará o seu traballo nun novo mural en Atalaia Asados; e Alejandro Mosquera intervirá na Aldea de Buhía. Con estas incorporacións, o festival continúa ampliando o percorrido artístico que leva construíndo de xeito ininterrompido desde o ano 2018.

Como novidade conceptual, a identidade gráfica desta sétima edición atopa a súa inspiración nun petróglifo da contorna de Rianxo. Segundo apuntan desde a organización, o obxectivo é propor unha reflexión arredor dos símbolos e das pegadas que permanecen no tempo, establecendo unha ponte directa entre as primeiras formas de representación humana e o muralismo contemporáneo.

A este respecto, o alcalde de Rianxo, Xulián Bustelo, amosou a súa satisfacción pola evolución do proxecto: “Despois de todo este camiño iniciado no 2018, os murais xa forman parte da paisaxe e do patrimonio rianxeiro. Con cada nova edición o catálogo destas espectaculares obras vese aumentado e, con el, tamén a importancia de Rianxo no muralismo galego”. O rexedor quixo destacar tamén “o orgullo da veciñanza polo proxecto e a implicación cada vez maior da comunidade local. O muralismo xa é parte de Rianxo”.

Un programa aberto á participación veciñal

Máis alá do propio traballo a pé de andamio, que a veciñanza e os visitantes poderán seguir en directo ao longo de todas as xornadas, o Viladomar deseñou unha axenda de actividades paralelas coa ollada posta na creación compartida.

Entre as propostas principais destaca a elaboración dun mural colaborativo que se desenvolverá en estreita colaboración coa asociación As Púrpuras. Así mesmo, o recoñecido artista Camilo Seira impartirá unha masterclass na que amosará de xeito práctico o proceso de creación dun mural vexetal elaborado con musgo.

O festival vivirá o seu broche de ouro o sábado 11 de xullo cunha intensa xornada de clausura organizada da man do colectivo Rock in Rian. Durante todo ese día, o público poderá participar en dous roteiros teatralizados para coñecer a historia dos murais da vila, gozar dun percorrido en barco pola ría e asistir a unha variada programación musical que servirá para despedir a edición ata o ano que vén. Desde a organización lembran que todos os horarios e localizacións detalladas das actividades poden consultarse a través das redes sociais de Viladomar.

Outros artigos

“Ídolos de barro”. Manuel Dominguez III

Simona de Beauvoir este abril 40 años de su muerte. La Beauvoir, símbolo de las feministas ortodoxas, de estas liberales de moqueta y salón, y su compañerío de vida, Jean Paul Sartre nunca estuvieron casados. Rechazaron activamente el matrimonio y la idea de formar...

+

A Casa RIA celebra en Santiago o seu segundo aniversario

A sede da Casa RIA en Santiago acolleu este 1 de xullo pola tarde a celebración do segundo aniversario da materialización desta sede na rúa Virxe da Cerca, sede da Fundación RIA: entidade envorcada en reivindicar a tradición arquitectónica, produtiva, social, cultural...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A porta que dá ao tempo”. Xosé A. López Silva

“A porta que dá ao tempo”. Xosé A. López Silva

O 31 de decembro deste ano, un martelo de prata ha petar tres veces contra un muro. O tabique caerá, varrerase o cascallo cun ramo de oliveira, e o que onte era parede volverá ser lugar de paso bendecido polo Arcebispo de Santiago. A Porta Santa da catedral de...