O Concello de Ribeira celebrou no 30 de xuño a Comisión de Igualdade composta polos representantes dos distintos departamentos municipais para constatar e debater os resultados da avaliación do grao de execución das medidas contempladas no III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, correspondente ao período de vixencia 2019-2023.

“Este encontro de traballo permitiunos ver o nivel de desenvolvemento das actuacións previstas, identificar os avances acadados durante a súa execución, detectar aquelas medidas que non chegaron a implantarse ou que o fixeron de maneira parcial e extraer conclusións que permitan orientar a planificación das futuras políticas municipais de igualdade”, segundo puxo en valor a concelleira Ana Barreiro.
O III Plan de Igualdade eríxese como a folla de ruta das políticas municipais de igualdade durante o período 2019-2023 prorrogado ata a actualidade. Para a súa avaliación, fíxose un repaso de maneira individualizada cada unha das medidas previstas nesta ferramenta en materia de igualdade, a cal está estruturado en 8 áreas estratéxicas, 8 obxectivos estratéxicos, 21 obxectivos operativos e 80 medidas. Segundo os datos extraídos en cifras, contémplase un 64’9% de medidas executadas (50), un 28’6% parcialmente executadas (22) e un 6’5% non executadas (5).
Durante a xuntanza, presentouse un borrador técnico de traballo que será sometido á revisión das distintas áreas municipais participantes, coa finalidade de incorporar as aclaracións, evidencias ou achegas que poidan completar a información recompilada antes da elaboración da versión definitiva do informe de avaliación do III Plan de Igualdade. A dita avaliación realizouse seguindo unha metodoloxía participativa e baseada na análise de evidencias, combinando diferentes fontes de información co fin de ofrecer unha valoración o máis obxectiva e rigorosa posíbel. Para iso empregáronse, entre outras, as seguintes técnicas e instrumentos:
-Revisión do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Ribeira.
-Análise das memorias anuais do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e doutra documentación técnica elaborada polos distintos servizos municipais.
-Revisión de programas, campañas, proxectos e actuacións desenvolvidas durante o período de vixencia do Plan.
-Realización de entrevistas semiestruturadas co persoal técnico responsábel das diferentes áreas municipais implicadas na execución das medidas.
-Contraste da información achegada polos distintos departamentos coas evidencias documentais dispoñíbeis.
En canto ás fortalezas ou logros acadados dentro das 8 áreas estratéxicas destacan:
-Administración e coordinación institucional: consolidouse a transversalidade da igualdade na maior parte das áreas municipais.
-Atención ás violencias de xénero: consolidouse unha rede municipal de atención integral ás vítimas.
-Apoderamento e participación social das mulleres: incrementouse a visibilización das mulleres e a colaboración co tecido asociativo.
-Educación en igualdade: consolidouse unha programación continuada de actuacións educativas en igualdade e prevención das violencias machistas en colaboración cos centros educativos.
-Conciliación e corresponsabilidade: mantívose unha ampla oferta de servizos de conciliación e apoio ás familias.
-Formación e emprego: consolidouse unha ampla oferta de orientación laboral e formación, con elevada participación feminina.
-Benestar social: desenvolvéronse actuacións continuadas de promoción da saúde, apoio ás persoas coidadoras e atención a mulleres en situación de vulnerabilidade.
-Cultura, deportes, turismo e lecer: a perspectiva de igualdade integrouse progresivamente na programación cultural, deportiva e turística.



