O PSdeG-PSOE de Ribeira emitiu un comunicado no que critica ao PP e o PBBI “por negarse a fixar de forma definitiva a Festa da Dorna e o Martes do Entroido como festivos locais”.

“Se este ano se traballa en Ribeira o Día da Dorna, é por decisión dos concelleiros do PP e do PBBI”, afirmou Fran Suárez-Puerta no transcurso do pleno da Corporación, unha sesión na que o portavoz socialista local dixo que o Goberno do PP e do PBBI “continúa sen asumir a realidade social e cultural de Ribeira ao negarse a establecer de forma definitiva a Dorna e o Entroido como festivos locais”. Para o socialista, ambas celebracións “forman parte da identidade colectiva do municipio e non poden quedar sometidas a cálculos partidistas”. Lembrou que o Entroido é unha festa arraigada en Ribeira, que mesmo resistiu ás prohibicións do franquismo e que durante anos foi referencia na comarca, e advertiu de que “dificilmente poderá recuperar a súa forza se o Concello non recoñece cun compromiso estábel.
No caso da Dorna, o portavoz socialista considerou que “non debería existir discusión posíbel, xa que representa a Ribeira como vila”. Para Suárez-Puerta, “deixar estes festivos sometidos a unha votación ano a ano non é liberdade, senón falta de compromiso político”.
E engadiu. “Agora queren recoller cable porque o ano que vén hai eleccións. Son conscientes do rexeitamento veciñal que provocou que este ano se traballe en Ribeira o día da Dorna”.
Suárez-Puerta defendeu que a posición do PSOE de Ribeira é clara: “A Dorna e o Entroido deben ser festivos locais de maneira definitiva”. E lembrou que foron os concelleiros de PP e PBBI os que fixaron o calendario de festivos locais de 2026, “incumprindo na práctica o acordo plenario existente”. O voceiro socialista cualificou tamén ao Goberno de “inmobilista” e por “levar só dous puntos obrigados: a subsanación de erros na grada de Carreira e a aprobación da modificación da RPT”, dixo, engadindo que “os traballadores municipais seguen sen ver actualizados os seus complementos”.
“Se non fose polas obrigas administrativas impostas por gobernos socialistas e polas propostas da oposición, o pleno duraría exactamente 33 minutos. Ese é o contido político real que achegou o Goberno”, denunciou o edil socialista.
Segundo o socialista, o resto da sesión “estivo marcado polas iniciativas da oposición fronte a un Goberno que se limitou a presentar emendas para apropiarse do traballo alleo”. Así pasou, dixo, coa proposta sobre aparcadoiros en Palmeira, rexistrada o 15 de abril e debatida o 29 de xuño (o PSOE apoiou a enmenda, pero lembrou que aínda non se creou por parte do Goberno do PP e do PBBI ningunha nova praza).
Tamén se abordou a situación da rúa de Correos. A alcaldesa recoñeceu deficiencias e admitiu que será necesario actuar. Finalmente, tratouse a proposta sobre o Centro Cultural de Oleiros, coa que o grupo socialista conseguiu arrincar o compromiso para acometer o seu arranxo.
“Agora haberá que comprobar se cumpren ou se, como coa Dorna, volven incumprir escudándose na liberdade”, concluíu Suárez-Puerta.



