O Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, intensificou nos últimos días os controis contra o furtivismo no litoral galego, saldando os operativos coa incautación de máis de 267 quilos de polbo, 561 cacharros e alcatruces antirregulamentarios, 120 nasas e máis de 6.100 metros de redes ilegais.

Estas actuacións enmárcanse no dispositivo preventivo despregado nas xornadas previas á reapertura da campaña do polbo, prevista para o vindeiro 1 de xullo, unha vez remate o período de dous meses de veda establecido para favorecer a reprodución e o crecemento da especie.
A maior intervención desenvolveuse na costa da Guarda, onde os efectivos embarcados no Mar de Galicia retiraron 450 cacharros que contiñan 175 quilos de polbo. Todos os exemplares foron devoltos ao mar ao atoparse vivos.
Na ría de Arousa, os gardacostas levantaron nove actas —seis de incautación e tres por presuntas infraccións— nun operativo coordinado entre a Unidade Operativa de Vilaxoán e os Servizos Centrais.
Nas zonas de Defragueiras e Negreiriñas retiráronse 51 cacharros e 48 quilos de polbo. Ademais, en Taragoña e As Negreiras foron incautadas 28 nasas de voitirón, 40 cacharros, 6 quilos de polbo e outros 6 quilos de choco.
O balance complétase coa retirada dunha cacea con 20 nasas sen identificar na Mesa de Con, na Illa de Arousa, que contiñan 7 quilos de polbo e 2 quilos de nécora.
Pola súa banda, os Servizos Centrais actuaron nas zonas de Pedregoso e Pedra da Loba, onde localizaron aparellos sen identificar nin balizar. Neste operativo retiráronse 12 nasas de polbo, 60 nasas de camarón e 25,1 quilos de polbo. Tamén en Pedras Negras foi localizada unha cacea con 20 alcatruces que gardaba outros 7,4 quilos de polbo.
Ao non poder identificar os responsables destas capturas e comprobar que os exemplares permanecían vivos, todas as especies foron devoltas inmediatamente ao seu hábitat natural.
Actuacións tamén na ría de Vigo e en Corrubedo
Os operativos estendéronse igualmente á ría de Vigo, onde a Unidade Operativa de Vigo retirou nas inmediacións de Cabo Silleiro un total de 33 artes de enmalle utilizadas ilegalmente: 31 pezas de miños, cunha lonxitude de 1.550 metros, e dúas de volantíns, de 100 metros.
No interior destas redes había 3 quilos de rodaballo, 2 quilos de raia e 1 quilo de centola, exemplares que tamén foron liberados.
En Corrubedo, a Unidade Operativa de Portosín incautou 81 pezas de miños, equivalentes a 4.500 metros de rede, nas que se atoparon 15 quilos de raia, 25 de xuliana, 7 de boi e medio quilo de lagosta.
A Consellería do Mar lembra a importancia de respectar os períodos de descanso biolóxico e os tamaños mínimos de captura para garantir a sustentabilidade dos recursos mariños. A Xunta subliña que estes controis permiten preservar o equilibrio dos ecosistemas e contribuír á protección da actividade das persoas que desenvolven legalmente o seu traballo no sector pesqueiro galego.




