
Este sábado 27 de xuño daranse cita na praia de Tanxil, en Rianxo, máis de 20 nadadores e nadadoras con e sen dano cerebral adquirido, persoas voluntarias e membros da asociación Arousaman – Arousawoman, para executar un adestramento preparatorio para a 3ª Travesía a Nado Polo Dano Cerebral.
Este grupo leva meses adestrando en piscina grazas ao programa de natación adaptada organizado por Dano Cerebral Galicia, no que participan arredor de 15 persoas con dano cerebral adquirido co apoio do voluntariado de Arousaman – Arousawoman. Desde maio realizan tamén sesións preparatorias en augas abertas, co obxectivo de preparase para a Travesía a Nado como horizonte final do proxecto.
Os adestramentos adoitan organizarse na praia do Preguntoiro (Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa), para adaptarse ao lugar real no que vai ter lugar a Travesía. Porén, este sábado o grupo de nadadores e nadadoras desprázase a Tanxil, en Rianxo, debido ao peche temporal para o baño que afecta ao areal arousán.
A sesión de adestramento vai celebrarase na mañá deste sábado, 27 de xuño, entre as 10:30 e as 13:30 horas. Comezará coa proba dos neoprenos, unha pequena sesión teórica, e a entrada no mar para continuar practicando a natación adaptada.
Terceira edición da Travesía a Nado Polo Dano Cerebral
A Travesía a Nado Polo Dano Cerebral chega este 2026 á súa terceira edición. Desenvolverase o sábado 11 de xullo na praia do Preguntoiro, en Vilaxoán, para continuar celebrando o deporte inclusivo e accesibel.
As mareas marcaron que este ano a Travesía a Nado sexa en horario de mañá. O inicio da proba está marcado para as 11:00, abrindo a recollida de dorsais de 9:00 a 10:45. O lugar de referencia é o Centro Sociocultural e Deportivo de Vilaxoán.
Coao nas dúas edicións anteriores, a proba non é competitiva e está aberta a calquera persoa, federada ou non, que teña 16 ou máis anos no día da Travesía. Ademais, todas aquelas persoas que queiran colaborar pero non poidan estar ese día teñen a posibilidade de contribuír coa proba realizando unha doazón ao Dorsal 0. A inscrición, e o Dorsal 0, tramítanse na páxina de Dano Cerebral Galicia para probas deportivas polodanocerebral.org.
O percorrido consiste nun trazado de aproximadamente unha milla náutica, habendo 2 modalidades de participación:
1 Media milla náutica | 926 metros (1 volta)
2 Unha milla náutica | 1.852 metros (2 voltas)
Independentemente da modalidade seleccionada, a inscrición ten un prezo de 30 euros ata o 30 de xuño ás 23:59. As persoas que agarden a última hora teñen aínda a posibilidade de se inscribiren ata o 8 de xullo ás 23:59, por un importe de 40 euros.
A inscrición inclúe camiseta e gorro conmemorativos da proba, toalla de microfibra con estoxo, avituallamento na chegada, embarcacións e caiacs de apoio, ambulancia, seguro de accidentes individual, balizado da proba e gardarroupa e vestiarios.
Dano Cerebral Galicia organiza a Travesía con Arousaman – Arousawoman, co Concello de Vilagarcía de Arousa e coa súa Fundación de Deportes, e cos apoios da Deputación de Pontevedra, Eroski, Asociación Búsqueda e Salvamento, Daveiga, Galirent e Gráficas Garabal, sen esquecer o financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade e da Fundación José Otero – Carmela Martínez.



