A Mancomunidade Barbanza Arousa pon en marcha o Club de Produto, unha ferramenta estratéxica de cooperación público-privada deseñada para posicionar a comarca como destino turístico enogastronómico diferenciado, competitivo, de calidade e experiencial, vencellado, sobre todo, á excelencia dos seus produtos do mar e aos viños da IXP Barbanza e Iria.

A cabalo de maio e xuño, desenvolveuse unha primeira fase de sesións informativas e de traballo nos catro concellos de Barbanza Arousa, nas que participaron distintos axentes turísticos: restauradores e hostaleiros, aloxamentos, produtores, empresas de alimentación e transformación, empresas náuticas, de lecer… Nestas sesións e obradoiros deuse a coñecer polo miúdo o proxecto e animouse a formar parte del. Agora o club xa é un realidade con 42 empresas e entidades adheridas, todas as visitadas e contactadas nesta primeira fase: 16 da Pobra do Caramiñal, 15 de Boiro, 4 de Rianxo e 5 de Ribeira.
José Carlos Vidal Suárez, presidente da Mancomunidade e alcalde da Pobra, xunto con Ramón Doval Sampedro, concelleiro de Relacións Institucionais de Ribeira e Emilio Cuiñas, representante da empresa adxudicataria do proxecto, presentaron publicamente este 23 de xuño o Club de Produto Enogastronómico no Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal. Fronte a eles, escoitándoos, unha ducia de representantes de firmas adheridas.

“O Club é unha rede profesional que garantirá estándares de atención e calidade homoxéneos en todos os servizos que reciba o visitante, para quen se artellan experiencias que lle permitan profundar na gastronomía local vencellada aos produtos do mar e os viños da IXP Barbanza Arousa e mergullarse na nosa historia, identidade e presente” subliñou o presidente da Mancomunidade, José Carlos Vidal Suárez.
As 42 empresas e axentes turísticos adheridos á iniciativa son as primeiras dunha listaxe que se prevé longa. O club está aberto a que as firmas e profesionais de Barbanza Arousa poidan contactar de xeito directo e incorporarse ao proxecto.
A interacción levada a cabo co sector permitiu identificar novas empresas que poderían ter interese en participar, ligadas ao turismo mariñeiro, á comercialización de produtos do mar, á industria alimentaria e transformación e á gastronomía local.
Un camiño por explorar
“Cada un por separado é un recurso, pero todos xuntos somos un destino”, destacou a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro, engadindo que “con este este club de produto poderemos deseñar e dispoñer dunha serie de experiencias que se poidan comercializar con axencias de viaxes durante todo o ano”.
Sinalou tamén que Barbanza Arousa asume con esta iniciativa “o reto ilusionante de definir e consolidar unha identidade enogastronómica propia” que poida ser “vivida e non só comida”, creando unha rede de colaboradores comprometidos coa consolidación dun destino turístico de excelencia, sustentábel e ligado aos sabores, a historia, o patrimonio industrial e as actividades mariñeiras da comarca, e arroupado por unha paisaxe e natureza únicas.
A creación do Club de Produto Enogastronómico é unha acción incluída no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSDT) Viaxe a través da historia dos sabores, que promove a Mancomunidade Barbanza Arousa, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, financiado por fondos Next Generation da UE.



