Irene Lourido presenta a obra gañadora no X Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira: “O lado nobre”

10 Xuño 2026

A xornalista Irene Lourido presentou este mércores 10 de xuño o libro co que resultou gañadora no X Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. A obra O lado nobre foi escollida entre unha vintena de orixinais presentados e destaca polo “seu relato persoal e conmovedor; unha crónica íntima sobre os coidados, a dependencia e a fraxilidade da vida”.

Durante a presentación, a escritora estivo arroupada pola alcaldesa, María Sampedro, e o director da editorial Xerais, Fran Alonso. Sampedro destacou a traxectoria do concurso “que naceu hai 20 anos co afán de promover, apoiar e poñer en valor a creación literaria en lingua galega e conmemorar a concesión do título de cidade.

Enxalzou así mesmo o traballo de Irene Lourido, coñecida xornalista da CRTVG que se estreou como escritora con esta novela.

“Xornalismo e literatura están estreitamente vencellados. Un narra os feitos, a realidade, cinguíndose a unha estrutura e uns criterios marcados pola noticiabilidade; mentres que a outra permite abordar a escrita, quizais, con menos moldes e plasmar coas palabras escenarios reais ou ficticios. Non é de estrañar, polo tanto, que sexan moitos os xornalistas que decidan aventurarse na literatura”, manifestou a mandataria local, para quen este relato visibiliza unha situación pola que “tódalas persoas aquí presentes pasamos, en maior ou menor medida, ben sexa ocupando o rol de coidador ou o de paciente”.

Agora o público pode mergullarse nas páxinas deste testemuño sobre a enfermidade, que tamén se erixe como unha celebración da resistencia humana e da tenra relación entre unha filla e o seu pai, que convida a unha xornada de portas abertas á intimidade que eles dous construíron ao longo dos anos.

A propia escritora recoñeceu que esta peza xurdiu da experiencia propia; como unha maneira de canalizar a hospitalización longa de seu pai, polo que homenaxea a “a tódalas persoas que foron os nosos referentes e como, de maneira paulatina ou abrupta, cambia o papel”.

Nas páxinas tamén se presenta un diálogo entre a adulta e a nena, polo que ten un carácter confesional ao tratar “un tema duro con moitísima esperanza e delicadeza”, segundo puntualizou o director de Xerais, para quen se plasman reflexións emocionais e intelectuais, ademais de erixirse este libro como “un canto universal á sanidade pública”.

As persoas asistentes á presentación levaron cadanseu exemplar de balde asinados pola autora.

O nome de Irene Lourido únese con esta obra ao de outros autores e autoras distinguidos en edicións previas do certame: As mellores intencións, de Begoña Paz; Vertixes, de Ignacio Silva; Orlando pendurado, de Goretti Fariña; Liña azul, de David Pobra; A cacería, de Amadeo Cobas; Un home estraño, de Antonio Tizón; Celada, de Antonio Piñeiro; Lúa Nova, de Irene Montero; e O xogo de Escher, de Manuel Esteban Domínguez.

Rúbrica do convenio para a décimo primeira edición

Durante o acto, o Concello de Ribeira e a Editorial Xerais tamén reafirmaron a súa colaboración na continuidade deste certame asinando o convenio para o desenvolvemento da décimo primeira edición; un concurso literario que supón un premio de 3.000 euros, un diploma acreditativo e a publicación da obra. O acordo foi rubricado pola rexedora e o director da referida editorial.

“Trátase esta dunha mostra máis do compromiso desta Administración local coa cultura, concretamente, coa literatura, fomentando a creación literaria, enriquecendo o catálogo de libros en galego e erixindo este premio como un dos grandes referentes a nivel autonómico”, remarcou a alcaldesa.

Outros artigos

Volve o programa Rianxo Termal con tres novas saídas

O Concello de Rianxo, a través da Concellería de Política Social, organiza unha xeira de tres novas saídas ás Termas de Cuntis nos meses de outubro, novembro, decembro destinadas a persoas maiores de 50 anos empadroadas no noso municipio. As saídas encádranse na nova...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.