«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

09 Xuño 2026

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos son, por riba de todo, inocentes.

A primeira gran obra literaria europea, a Ilíada, non empeza realmente narrando a cólera de Aquiles nin a guerra de Troia. Comeza cunha epidemia. Homero abre o poema coa peste que un ofendido Apolo lanza como frechas contra os gregos. Antes dos heroes, da gloria e das batallas, o que se pon ante os nosos ollos no poema é a vulnerabilidade dos corpos.

A literatura sobre a enfermidade adoita moverse entre dous extremos: o social e o individual. Homero amosa o impacto no exército grego, pero apenas se detén no sufrimento concreto de cada soldado. Co paso dos séculos, a creación narrativa buscaría outros camiños.

Resulta curioso que unha terra marcada historicamente pola emigración, a pobreza e a mortalidade non producise unha gran novela sobre unha epidemia que ocupe un lugar comparable ás de Defoe ou Camus. Ambas, traducidas tamén á nosa lingua, serven ao seu xeito para iluminar episodios históricos que a memoria colectiva tende a esquecer, como as recurrentes pestes da Idade Moderna ou a Gripe Española de 1918. Nesta pandemia houbo en Galicia, igual que no resto do mundo, cidades paralizadas, confinamento, escolas pechadas, hospitais desbordados e unha atmosfera de medo colectivo que hoxe nos resulta, desde o aciago 2020, inquietantemente familiar. Na cidade de Vigo morreron centos de persoas; na provincia de Lugo, milleiros. Todo iso ocorreu hai pouco máis dun século. Apenas queda lembranza daquela traxedia. Permanece nas hemerotecas, pero non nesa continuidade emocional e colectiva que ofrece a literatura.

Pola contra, os clásicos galegos teñen afondado moito na conciencia da fraxilidade humana ante a enfermidade, máis ca no aspecto social ou epidémico. Rosalía ofrece unha nómina ampla de corpos cansos, de doenzas sen nome, de mortes prematuras e de pobreza entendida como desgaste físico. En Blanco Amor, especialmente en A esmorga, a febre, o alcohol, a sucidade e a degradación corporal convértense case na metáfora dunha sociedade enferma. Mesmo en Cunqueiro, tan asociado ao fabuloso, aparecen constantemente médicos, boticarios, menciñeiros, remedios imposibles e corpos vulnerables, sempre temperados polo humor suave e o optimismo irredutible do mindoniense. Castelao, que volveu exercer a medicina durante a vaga de Gripe Española, comprendeu seguramente mellor ca ninguén que detrás de cada epidemia hai seres concretos atravesados polo medo e pola soidade. Hai unha estampa súa de Cousas da vida (1924) que contén, concentrada, o universo dunha novela e que ademais amosa a mirada profundamente compasiva do autor. Un home novo, macilento e consumido, no leito, está a lle dicir a súa nai, desfeita de dor: -«Eu non quería morrer alá, sabe, miña nai?».

Nesa frase está todo. Está o fracaso vital da emigración e da pobreza, pero tamén algo máis profundo: o medo a morrer lonxe dos nosos, sen unha voz coñecida, sen un rostro humano ao lado. As epidemias pasarán, como pasaron tantas. Virán outras e tamén acabarán desaparecendo. O perigo é que coa distancia vaia marchando tamén a compaixón. Acabámolo de ver co hantavirus. E talvez a literatura sirva precisamente para impedilo: para lembrarnos que detrás de cada alarma sanitaria hai sempre unha persoa vulnerable pedindo, simplemente, un pouco de humanidade.

Xosé Antonio López Silva

Outros artigos

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

Tras el varapalo del último informe PISA, que sitúa a los alumnos españolespor debajo de la media de los países miembros de la OCDE en matemáticas,lectura y ciencias, lo que muestra un importante retroceso respecto a losniveles de hace una década, alguien debería...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.