A Asociación de Empresarios de Ribeira avanzou este venres 22 de maio os detalles da vindeira edición da Feira de Vehículos Híbridos e Eléctricos, que terá lugar na praza de España de Santa Uxía os días 12, 13 e 14 de xuño, achegando novamente unha oportunidade para que a veciñanza da localidade, da comarca e de Galicia poidan coñecer as grandes novidades dun mercado en auxe: o da mobilidade limpa e ecolóxica.
Segundo fixo saber a AER na presentación, “nesta edición participarán 10 concesionarios e 13 marcas”.

Como novidade, a feira contará cun espazo de foodtrucks non que se ofrecerán petiscos elaborados con produto do mar, grazas á colaboración co Restaurante Chicolino.
Este ano tamén terá presenza o CIFP Coroso, coincidindo coa conmemoración do seu 50 aniversario. O centro disporá dun espazo informativo no que dará a coñecer a súa oferta formativa, especialmente no ámbito dous vehículos híbridos e eléctricos, un sector en pleno crecemento e con gran proxección de futuro.
Con estas actividades búscase fomentar as sinerxías entre os distintos sectores de Ribeira, “atraer visitantes á cidade e reforzar a colaboración entre comercio, restauración e hostalaría”.

Tras sete edicións, a feira consolidouse como un escaparate clave da innovación e da mobilidade sostíbel na comarca. Segundo destacaron os organizadores, “trátase da edición máis ampla ata o momento, coa presenza das principais marcas e os seus modelos máis innovadores”.
Así, a feira ofrecerá ao público unha ampla variedade de produtos, información e actividades formativas co obxectivo de dar a coñecer as novidades do sector e impulsar a adopción dos vehículos eléctricos.
Dende a AER lembraron que se trata dun evento “único na comarca” e convidaron a toda a cidadanía a achegarse e visitar o evento, onde se poderán atopar novidades e condicións moi competitivas.
O evento conta coa colaboración do Concello de Ribeira e da Xunta de Galicia.



