“Hoxe queremos reivindicar ás mulleres do mar. Ás que estiveron sempre aínda que o seu papel non sempre fora visíbel para a sociedade”. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou así este sábado 16 o obxectivo da conmemoración do Día Internacional da Muller no Sector Marítimo que a Administración provincial organizou no Coliseo Noela, de Noia, en colaboración con ANMUPESCA.
Formoso clausurou un encontro que contou coa participación de destacadas representantes do sector e durante o que se entregaron recoñecementos a tres mulleres pola súa traxectoria no mundo do mar: Dolores Gómez Ordóñez, fundadora de Mulleres Salgadas e que representa “a capacidade de organizarse e abrir camiño”; Amalia González, vicepatroa da Confraría de Camariñas, polo seu liderado, “conquistado desde abaixo, desde o traballo diario”, e Mercedes Silva, Totakeki, “que representa algo tan necesario como a capacidade de contar o mar coa linguaxe de hoxe e levar o orgullo da pesca e o marisqueo ás novas xeracións”. “Son tres mulleres distintas, tres xeitos de facer recoñecer o mesmo, a dignidade das mulleres do mar”, subliñou.

Na súa intervención, sinalou que a provincia “non se entende sen as lonxas, as conserveiras, as redeiras, as bateas, as mariscadoras… Sen todas esas mulleres que sostiveron unha parte esencial da nosa economía e que recibiron menos recoñecemento do que merecían”.
Valentín González Formoso salientou o traballo que impulsou a Deputación en colaboración con ANMUPESCA para elaborar o Mapa das Mulleres da Pesca, que viu a luz hai dous anos para proporcionar “unha fotografía nítida desa realidade”. “Grazas a el sabemos que máis de 6.000 mulleres traballan na cadea de valora da pesca na provincia e que representan o 42 % do sector, e que no marisqueo a pé e nas redeiras a presenza feminina é de máis do 95 %, pero o máis importante non son as cifras, senón o que demostran, que sen mulleres non hai sector do mar”.

O presidente provincial expresou, por outra banda, a preocupación “pola realidade que vive o sector, que non é boa”. Por ese motivo, nun momento “moi difícil”, quixo facer súas “as reivindicacións que saíron da Mesa Interinstitucional do Mar de Noia, que preside o alcalde, Fran Pérez”. Nese senso, defendeu que a mesa “non é un instrumento de confrontación política”. Pola contra, afirmou que ten “un obxectivo claro: buscar solucións conxuntas a un problema que afecta a miles de persoas”.
En relación con esa problemática, insistiu na necesidade de analizar as causas da situación con estudos científicos “rigorosos”, pero tamén establecer protocolos para o desembalsamento de auga nos ríos, “investir de verdade en saneamento e depuración” e, no que atinxe esa comarca en concreto, impulsar un programa “de valorización e promoción do Berberecho de Noia, unha marca propia que merece ser posta en valor”.

Formoso dixo tamén que “non é aceptábel” que as axudas de 700 euros anunciadas pola Xunta para mariscadoras que non poden faenar “queden en menos de 400 euros despois de cotas á Seguridade Social”, e pediulle ao Goberno “que volva estar á altura do que xa fixo cando recoñeceu a dureza do marisqueo co coeficiente redutor do 0,15 para adiantar a xubilación. Que agora dea tamén unha resposta inmediata e exima ás mariscadoras de pagar cotas mentres non teñen ingresos”.
Debate sobre “o pasado, o presente e o futuro” das mulleres no mar
O alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, abriu un acto no que a presidenta de ANMUPESCA, Pilar Otero González ofreceu un relatorio no que analizou a presenza da muller en toda a cadea de valor. Nese senso, reivindicou a contribución do traballo feminino ata o presente e de cara ao futuro do sector.
Pérez Caamaño agradeceulle á Deputación que elixise Noia para celebrar a xornada e trasladoulles ás mulleres do mar o seu recoñecemento e o do Concello. Por outra banda, insistiu no compromiso da Administración local “coa rexeneración e o saneamento da ría.
A xornada, que presentou a periodista Marta Doviro e tamén contou coa presenza da monologuista Marita Martínez sobre o escenario en diversos momentos da mañá, continuou coa mesa redonda Pasado, presente e futuro das mulleres no mar. Nela participaron a vicepresidenta de Mulleres Salgadas, Celia Herbón Dieste; a directora técnica de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa Carril, e a investigadora e docente da Universidade da Coruña Iria Caamaño Franco. Por parte da Federación Galega de Redeiras Artesás interveu Rosa Pardo Campaña, e da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros e Noia, Ángeles Piñeiro Santos. O coloquio afondou, entre outros temas, na situación do sector e nas perspectivas sobre a produción e o relevo xeracional.
Todas as mulleres do mar representadas
A xornada, celebrada no Coliseo Noela, espazo cedido polo Concello de Noia, reuniu a mulleres do mar, representantes institucionais e persoas vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro de distintos puntos da provincia. Nesta primeira conmemoración a xornada serviu para poñer nome, rostro e voz ás mulleres que sosteñen a cadea de valor do mar: mariscadoras, pescadoras, redeiras, bateeiras, traballadoras da industria, da transformación, da comercialización, da ciencia, da formación e da economía azul.
Durante a súa intervención, a presidenta de ANMUPESCA, Pilar Otero González, destacou que esta xornada non era só unha celebración, senón unha forma de recoñecer unha verdade que durante demasiado tempo permaneceu oculta: que as mulleres sosteñen o mar, o sector e a vida de moito comunidades costeiras. No seu discurso, subliñou ademais que a organización deste acto por parte da Deputación da Coruña, contando con ANMUPESCA como entidade coordinadora, supón “non un xesto, senón un compromiso”.

Como dixemos, a xornada estivo conducida pola presentadora Marta Doviro e contou coa participación da monologuista Marita Martínez “Contadiña”, que achegou humor, proximidade e emoción a un encontro centrado no recoñecemento e o diálogo.
Un dos momentos centrais foi a mesa redonda Pasado, presente e futuro das mulleres no mar, na que participaron cinco mulleres de distintos ámbitos do sector.
Celia Herbón Dieste, bateeira, achegou a mirada do sector mexilloeiro e do asociacionismo feminino; Rosa Pardo Campaña, redeira de Portosín e representante da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, visibilizou un oficio imprescindíbel para que a pesca poida saír ao mar; Ángeles Piñeiro Santos, mariscadora a pé vinculada á Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO de Fisterra e Ría de Muros-Noia, trasladou a realidade e as preocupacións actuais do marisqueo; Verónica Canosa Carril, directora técnica de Frigoríficos de Camariñas, achegou a visión da industria transformadora e comercializadora de produtos do mar; e Iria Caamaño Franco, investigadora e docente da Universidade da Coruña, abordou o valor do turismo mariñeiro, o patrimonio marítimo e o desenvolvemento local sostíbel.
A través das súas intervencións, a mesa permitiu falar de visibilidade, remuda xeracional, recoñecemento profesional, condicións de traballo, transmisión de saberes, asociacionismo e presenza das mulleres nos espazos de decisión. Foi un diálogo entre oficios, xeracións e territorios, cunha idea compartida: non existe unha única forma de ser muller do mar, pero si unha mesma forza que as une. A xornada incluíu tamén un acto de recoñecemento a tres mulleres referentes do sector marítimo-pesqueiro da provincia da Coruña.
Foron distinguidas Mercedes Silva Méndez, “Totakeki”, mariscadora da ría de Muros e Noia e creadora de contido dixital, por achegar o marisqueo, a lingua galega e as tradicións ás novas xeracións; María Amalia González Ameijenda, profesional do mar, patroa de embarcación e vicepatrona segunda da Confraría de Camariñas, por toda unha vida vinculada ao mar e polo seu papel de representación nas confrarías; e Dolores Gómez Ordóñez, bateeira e socia fundadora da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa que posteriormente pasou a denominarse Mulleres Salgadas.



