Nun acto organizado por AlumniUSC e celebrado na facultade compostelá de Filosofía, unha charla-
concerto en memoria de Begoña Caamaño e do seu legado, Francisco Castro recordoulles aos
asistentes un feito do que se debe falar e presumir, polo seu interese social e por ser unha realidade
coñecida e calada. O escritor e músico, entre peza e peza, dixo que Galicia era un país que tiña,
como o máis importante referente nos eidos da literatura, unha muller, á admirada Rosalía de
Castro, que escribía e iluminaba os eidos por onde se movía coa súa palabra en defensa dos
humildes e das esquecidas.
Rosalía, como Begoña Caamaño e tódalas mulleres galegas, era un faro alumeando para o futuro.
Igual que calquera nai, de antes e de agora, era guía que encamiñaba á veciñanza cara a esperanza
dun futuro máis venturoso e máis fermoso.
Estamos en camiño e hai que seguilo, paso a paso, sen demoras e sen retraso. Así é. As mulleres
lideran equipos que gobernan, na actualidade, en varias institucións galegas. Saben mandar e
deixarán unha herdanza que ninguén poderá esconder. Nas universidades, nos concellos, nas
deputacións, nas empresas, na literatura, na arte, na ciencia e na casa, seguen coa vara de mando,
mandando avanzar.
Varios miles de persoas, procedentes de tódolos concellos de Galicia, foron recentemente, en tres
días diferentes, á feira de Silleda, para participar nun proceso selectivo e competitivo, convocado
polo Servizo Galego de Saúde, para acceder ás prazas de diversas especialidades da categoría de
enfermaría e de persoal de servizos xerais. Para traballar de enfermeiro ou enfermeira, para as mil
novecentas oitenta prazas ofertadas, inscribíronse unhas oito mil seiscentas persoas,
maioritariamente (o 90%) eran mulleres.
No sector da sanidade, afortunadamente, as mulleres son maioría. Tamén na xustiza, na educación,
nos servizos sociais, na comunicación e, actualmente, vense moitas agarradas ao volante de
autobuses, nas tendas de roupa, na hostalería e alí, naqueles lugares que, ata hai pouco tempo, eran
só para homes.
Sen matriarcado e sen patriarcado, a Tía Manuela quere respecto para as persoas integrantes da
sociedade e unha total igualdade en tódolos aspectos, entre homes e mulleres. Aínda que sexa
cadaquén da súa casa.
“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces
Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas características, constatan que se...



