
O colectivo Mulleres Salgadas compartiu un comunicado no que reclaman máis apoios do Goberno central ante “a situación de extrema gravidade na que se atopa o sector do marisqueo tras máis de tres meses sen actividade nin ingresos”. Engaden que “desde o pasado mes de febreiro, a sucesión de temporais provocou a mortaldade masiva do recurso marisqueiro, obrigando a un peche forzoso da actividade por causas de forza maior, completamente alleas á vontade das traballadoras e traballadores do sector”. Esta situación, apuntan, “deixou a milleiros de familias sen ingresos durante meses” e “a pesar diso, as persoas afectadas continúan obrigadas a aboar mensualmente a súa cota ao Instituto Social da Mariña, o que está a xerar un escenario de grave vulnerabilidade económica e social”.
Ante a dita situación, Mulleres Salgadas – Asociación Galega de Mulleres do Mar – remitiu unha comunicación aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados solicitando unha intervención urxente no ámbito das competencias estatais.
No devandito escrito, a entidade reclama a aprobación e aplicación inmediata da exención de cotas á Seguridade Social anunciada polo delegado do Goberno en Galicia, con carácter retroactivo e garantindo o mantemento dos dereitos de cotización. “A medida foi anunciada, pero o sector non pode agardar máis. Cada semana sen ingresos e coa obriga de seguir pagando agrava unha situación xa crítica”, sinalan desde a entidade. Mulleres Salgadas advirte de que “a falta dunha resposta efectiva e inmediata pode ter consecuencias irreversíbeis non só para as familias afectadas, senón tamén para a
sustentabilidade dun sector estratéxico no litoral galego”.
Neste contexto, desde a entidade lembran que “se ben a xestión do marisqueo corresponde á Administración autonómica, a situación actual require unha resposta coordinada e urxente por parte do conxunto das administracións implicadas”.
“O marisqueo non pode soportar máis demora administrativa. É imprescindible actuar de maneira inmediata”, conclúen.
Ante estas e outras reclamacións do sector e de grupos como o BNG, o Goberno central, a través do parlamentario socialista César Mogo, e a ministra Elma Saiz, sinalou os días pasados que exención de cotas é “unha medida que se debe fixar por lei”, e “por iso mesmo o Goberno vai levar ao Congreso a súa aprobación”.



