O Concello de Noia lanza unha campaña de concienciación para reforzar a limpeza e o coidado do municipio ante a chegada do verán

13 Abril 2026

O Concello de Noia vén de poñer en marcha unha campaña de concienciación cidadá co obxectivo de reforzar o compromiso colectivo coa limpeza e o coidado do entorno urbano e rural, especialmente ante a chegada do verán, unha época na que aumenta o risco de incendios.

Durante os vindeiros días, a veciñanza poderá atopar anuncios informativos distribuídos en varios puntos do municipio, nos que se lembran normas básicas de convivencia e responsabilidade cidadá. Entre elas, destaca que está prohibido depositar lixo na vía pública fóra dos puntos autorizados, así como a importancia de facer uso do Punto Limpo municipal, que, segundo lembran dende o Consistorio, “continúa plenamente operativo para a correcta xestión de residuos”.

Ademais, o Concello lembra que existe un servizo gratuíto de recollida de aveños voluminosos, dispoñíbel mediante solicitude previa, co fin de facilitar á cidadanía a eliminación adecuada deste tipo de residuos.

No ámbito da prevención, tamén se fai fincapé na obrigatoriedade de manter os terreos limpos, podados e en condicións axeitadas, unha medida fundamental nesta época do ano para previr incendios forestais e protexer vivendas e infraestruturas.

O incumprimento destas normas pode supoñer sancións económicas, tal e como recollen as ordenanzas municipais vixentes.

O concelleiro de Medio Ambiente, Abel Pan, destacou a importancia desta iniciativa, sinalando que “coa chegada do verán é especialmente importante extremar o coidado do noso entorno. Pequenos xestos, como manter os terreos limpos ou facer un uso correcto dos residuos, teñen un impacto directo na prevención de incendios”.

Así mesmo, engadiu que “non se trata só de cumprir a normativa, senón de asumir un compromiso colectivo co noso municipio. Entre todas e todos podemos facer de Noia un lugar máis limpo e coidado”.

Desde o Concello faise un chamamento “ao civismo, á responsabilidade e ao compromiso da veciñanza, co obxectivo de seguir facendo de Noia un lugar mellor para vivir”, indican dende o Consistorio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...