O enorme éxito da convocatoria do primeiro campamento tecnolóxico online de Galicia obriga a organizar unha segunda quenda, do 20 ao 31 de xullo

12 Maio 2020

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- promove o primeiro campamento tecnolóxico de verán online de toda a comunidade, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O T2W-Tecnópole Technological Workshops-, que ata o de agora era presencial, cumpre a súa oitava edición. As circunstancias derivadas da actual crise sanitaria levaron a redeseñar o seu desenvolvemento, adaptándoo á nova realidade que estamos a vivir.

Este luns poñíase en marcha a convocatoria deste campamento e esta mañá xa estaban cubertas as 100 prazas dispoñibles. “Que en apenas catro días se cubriran todas as prazas ofertadas é un indicador da alta aceptación e do alto valor engadido deste tipo de actividades de difusión e desenvolvemento científico entre os máis novos” -manifesta o director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla-. Sinala que “para o Parque é un éxito enorme que nos obriga a abrir unha segunda quenda para dar cabida á demanda crecente que estamos a rexistrar desde que se comunicou a noticia ao público. Esta boa acollida énchenos de satisfacción e, sen dúbida, elevará aínda máis os xa de por si altos niveis de esixencia e calidade cos que desenvolvamos as nosas actividades”.

A segunda quenda deste campamento, que tamén se organizará por grupos de idade, diríxese a un máximo de 100 mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos. Celebrarase do 20 ao 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será o 12 de xuño ou ata cubrir a totalidade das prazas.

Talleres de programación, robótica, electrónica, mundo maker ou biotecnoloxía

Nas instalacións de Tecnópole habilitarase un amplo espazo no que diferentes expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van desenvolver proxectarán os seus coñecementos cara aos xoves participantes, de xeito moi ameno, práctico e innovador.

A través de diferentes talleres, os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo maker (baseado na reutilización e na reciclaxe, en particular no eido das tecnoloxías), hacking (coñecemento dos mecanismos de seguridade dos sistemas informáticos), biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no campo biotecnolóxico) e retos STEAM (trabállanse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de xeito multidisciplinar, englobando Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas).

No transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os rapaces iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades.

Os participantes recibirán no seu domicilio un kit de materiais tecnolóxicos e científicos para poder desenvolver as diferentes actividades

O campamento ten un custo de 50 euros, que é o prezo do kit de materiais tecnolóxicos e científicos que se achegarán ao domicilio particular de cada participante, unha vez formalizada a inscrición, para que poidan desenvolver as diferentes actividades. Este kit inclúe, entre outros materiais, micropipetas, fío condutivo, tubos de ensaio, un microscopio e un espectroscopio caseiros… “Para poder formar parte desta experiencia só é preciso dispor dun ordenador con cámara, sentir curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía, ter ganas de aprender e, sobre todo, de gozar moito” -sinalan desde Tecnópole-.

Convocado o campamento tecnolóxico online de Galicia

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana”. Mario Clavell

“Desde la ventana”. Mario Clavell

En este martes laborable miro desde mi ventana de trabajo el valle del Sarela, monte Pedroso detrás, los cultivos agostados debajo, el barrio de Casa Novas y la Casa del Presidente. Nubes de otoño y algunas gaviotas que planean. Chopos y plátanos amarillean en este...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.