
Tras dúas xornadas e media de traballo intensivo, o servizo de auga para consumo doméstico restableceuse en todo o centro histórico de Noia este luns 12 de xaneiro.
Os cortes no subministro viñeron dados polo mal estado das infraestruturas e pola falta reiterada de mantemento, segundo confirmou o Concello, que tamén explicou nun comunicado que “para evitar novas roturas, a presión da auga será inicialmente baixa e irase incrementando de xeito progresivo ao longo desta semana”.
E engadiron: “Debido ao mal estado das tubaxes, non podemos garantir que non volva producirse algunha incidencia nas vindeiras horas, pero o persoal municipal está atento e traballando de maneira continua para acometer calquera incidencia e mellorar o servizo”.
O Concello lamenta as molestias xeradas e recoñece “entender a frustración xerada”. Tamén agradece aos veciños e aos comerciantes a súa comprensión”, así como aos traballadores “o seu esforzo e dedicación”.
Os cortes afectaron a boa parte do centro histórico, incluídas (en inicio) as rúas Comercio e Cantón e á praza da Constitución.
As interrupcións debéronse ao mal estado das tubaxes, que provocaron unha primeira rotura esta fin de semana. No transcurso dos traballos de reparación foron aparecendo novas roturas en cadea, “xa que as conducións se atopan moi deterioradas e son especialmente susceptíbeis de romper”, informou o Concello.

Os operarios do servizo de augas traballaron de maneira ininterrompida durante case tres xornadas seguidas.
O concelleiro de Servizos, Abel Pan, permaneceu na zona supervisando e colaborando cos operarios co obxectivo de resolver a situación no menor tempo posíbel.
A información sobre as incidencias puido seguirse a través da comunidade de Whatsapp do Concello de Noia.




