– Sergio García, Samuel Saborido, Lucía Peón e Rita Fernández completaron o propio absoluto no trail longo
– Alberto González, Diego Ferreira, Adrián Garabato; e Alba Rey, Apolonia Bermúdez e a moza Judit Barros subiron ao podio do
trail curto
– 320 atletas tomaron a saída nas dúas probas competitivas
– Unhas 300 persoas participaron na andaina non competitiva.

Damián González Castro, do Club Triatlón Rianxo, e Beatriz Barroso Pérez, do C.A. Noia, proclamáronse vencedores esta mañá na proba de 20 quilómetros do III Trail Montes de Rois, cita que abriu o calendario 2026 do Ranking Galego de Trail Running na serie prata da Federación Galega de Atletismo.
A competición contou cunha elevada participación. Das 400 persoas inscritas nas probas de trail longo e curto, un total de 320 atletas tomaron a saída desde o polideportivo municipal de Rois.

Na categoría masculina do trail longo, Damián González impúxose cun tempo de 1:36:36, seguido moi de preto por Sergio García (1:36:46) e Samuel Saborido (1:37:29). Na categoría feminina, Beatriz Barroso foi a máis rápida cun rexistro de 2:00:23, cruzando a liña de meta un minuto antes que Lucía Peón Santomé (2:01:23) e dous minutos antes que Rita Fernández (2:02:56).
Na proba curta, de 13 quilómetros, os vencedores absolutos foron Alberto González, na categoría masculina, cun tempo de 1:00:01, seguido de Diego Ferreira Vázquez (1:01:05) e Adrián Garabato Lagares (1:01:33). Na categoría feminina, Alba Rey Penelas, do CD Biosbardo, impúxose con claridade cun tempo de 1:11:25, por diante de Apolonia Bermúdez Canosa (1:13:37). A terceira praza foi para Judit Barros Campos, do Atletismo +9 Moraña, que con só 13 anos completou o percorrido en 1:14:18.

Os mellores atletas locais foron Marcos Mayo Agrafojo, no trail longo, e Ángel Teira Lois, no trail curto.
Nesta terceira edición participaron 320 atletas nas dúas probas competitivas. Ao remate da carreira, moitos dos participantes destacaron a beleza do percorrido, que transcorreu na súa maior parte pola ruta das Penicias. Ademais, a andaina non competitiva contou coa participación duns 300 camiñantes.
A entrega de premios correu a cargo do concelleiro de Deportes, José Luis Ares, e do portavoz do goberno municipal, Antonio Esparís.






