Este sábado 3 de xaneiro pola mañá, a concelleira de Cultura, Chelo Martínez, acolleu a visita das rapazas alumnas da Escola de Danza “Oitos” para facerlles entrega do Anuario de Estudos de Barbanza de Barbantia.
A entrega realizouse en recoñecemento ao traballo creativo desenvolvido pola Escola de Danza “Oitos”, baixo a dirección de Verónica Martínez, coa asesoría de Xerardo Agrafoxo e coa participación de Suso Xogaina e Sara Martínez, quen levaron a escena o espectáculo As Portas do Mar.
Esta proposta artística, encargada de inaugurar a XII Semana da Historia, fai parte xa do propio anuario, poñendo en valor a nosa identidade cultural a través da danza.
A concelleira aproveitou a ocasión para acompañar ás rapazas nun pequeno roteiro pola Casa do Concello, achegándolles a historia e o patrimonio municipal, nun percorrido que, do mesmo xeito que o seu espectáculo, destacou a importancia da arte, da historia e da tradición como sinais de identidade colectiva.




