A parroquia de Artes xa ten todo preparado para celebrar as súas Festas Patronais 2026, que terán lugar os días 7, 10 e 11 de xaneiro, en honra a San Xian, San Roque e a Virxe do Rosario. O programa combina actos relixiosos, música, tradición e actividades para todos os públicos.

As festas darán comezo o mércores 7 de xaneiro, festividade de San Xian, coa tradicional anunciación e disparo das bombas de palenque. Ás 10:00 horas terá lugar a alborada e pasarrúas a cargo do Grupo Os Liantes de Artes, e ás 12:30 horas celebrarase a misa solemne na honra do patrón na igrexa parroquial. A xornada pecharase pola noite cunha verbena no Centro Recreativo de Artes, a partir das 21:45 horas, amenizada polo Dúo Os Trasnos.
As celebracións continuarán o sábado 10 de xaneiro, dedicado a San Roque. Tras a anunciación festiva, ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne cantada na igrexa parroquial. Pola noite, ás 21:45 horas, o público poderá gozar dunha nova verbena no Centro Recreativo de Artes, nesta ocasión coa actuación do grupo Nostalgia.
O programa rematará o domingo 11 de xaneiro, festividade da Virxe do Rosario, coa misa solemne ás 13:00 horas. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase unha festa infantil con discoteca móbil e animación no Centro Recreativo de Artes, que incluirá chocolate con churros e biscoito para todas as persoas asistentes.
As Festas Patronais de Artes 2025 están organizadas polo Centro Recreativo e a Parroquia de Artes, coa colaboración das Concellerías de Cultura e Festexos do Concello de Ribeira, e constitúen unha cita destacada do calendario festivo local.



