Este domingo 28 de decembro vaise celebrar no templo de San Martiño de Noia o tradicional Concerto de Órgano polo Nadal. Será este domingo ás 18.00 horas na devandita igrexa, a cargo de David Maceira, organista da Catedral de Santiago de Compostela. Será, en palabras da organización, “dunha ocasión perfecta para desfrutar da maxia do Nadal nun escenario único”.
As entradas poden recollerse na sancristía e o donativo de 2€ destinarase á restauración do órgano de San Martiño.
David Antonio Maceira Martínez, nado en Santiago de Compostela en 1997, estudou órgano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense coa profesora Marisol Mendive, obtendo unha matrícula de honra e un Premio Fin de Grao. Logo continuou os seus estudos superiores de órgano na ESMUC (Escola Superior de Música de Catalunya) cos profesores Óscar Candendo e Juan de la Rubia.
Ten actuado como solista en agrupacións de renome como a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Edmon Colomer, a Banda Municipal de Música de Santiago. Desde 2022 é organista da S.A.M.I. Catedral de Santiago de Compostela.




