
O Concello de Rianxo asinou un convenio de colaboración coa Asociación Rianxeira Empresarios (ARE), entidade empresarial que envorca esforzos no desenvolvemento económico e social do municipio a través de actividades que reivindican as vantaxes de mercar e investir en clave local.
O Concello, a través dunha achega de 5.000€ continúa dando o seu apoio á entidade para “que poida seguir impulsando a actividade económica de Rianxo, reforzando o tecido empresarial e creando oportunidades de emprego para a veciñanza”.
Campaña de Nadal da ARE (hoxe 23 de decembro con elfos repartindo lambonadas nos negocios)
Sen ir máis lonxe, a ARE está estes días despregando recursos de dinamización produtiva coa súa tradicional Campaña de Nadal 2025, unha iniciativa pensada para dinamizar o comercio local, premiar a fidelidade da clientela e encher as rúas de ilusión nestas datas tan especiais.
Durante toda a campaña, que se desenvolverá até o 5 de xaneiro de 2026, todas as persoas que merquen nos comercios asociados poderán participar nos sorteos semanais de vales de compra de ata 100 €. “Cada tícket rexistrado supón unha nova oportunidade de gañar, polo que comprar no comercio de proximidade nunca foi tan ilusionante”, explicaron dende a asociación, engadindo que para facilitar a participación, a ARE habilitará varios puntos informativos e de rexistro de tíckets nos diferentes núcleos do concello, xunto con actividades que farán as delicias dos máis pequenos:
-Elfos de Papá Noel visitando os establecementos os días 22 e 23 de decembro.
-Visita de Papá Noel e posto de chocolate o 24 de decembro.
-Paxes Reais repartindo lambonadas e acompañando os postos de rexistro os días 2, 3 e 4 de xaneiro.



