
O voceiro e presidente local do PP de Noia, Santiago Freire, á fronte dos concelleiros do grupo municipal popular, ofreceu este xoves 4 de decembro unha rolda de prensa na que afirmou que “o PSOE e a Marea Cidadá de Noia pagaron gastos de hostalería e outros servizos con cargo ás achegas do Concello aos grupos municipais”. Na comparecencia ante os medios, deu conta das facturas que, segundo dixo, “así o acreditan”. E engadiu: “Trátase dunha análise que demostra que todos os partidos políticos con representación no Concello de Noia xustificaron gastos de hostalería e outros servizos con cargo ás achegas correspondentes aos grupos políticos municipais”.
Santiago Freire dixo que os grupos da oposición, agora no Goberno, teñen “unha dobre moral, pois tras revisar as facturas presentadas nos últimos anos compróbase que todos os grupos municipais xustificaron gastos de hostalería e outros servizos con cargo ás achegas aos grupos políticos municipais, unha realidade que confirma o que levamos dicindo dende o primeiro momento dende o Partido Popular: que ningunha desas facturas foi emitida ao Concello de Noia, como se quixo facer crer dende o Goberno de PSOE e Marea, e que todos os grupos políticos municipais presentaron facturas semellantes”.
Estas facturas que o PSOE e A Marea entregaron á intervención municipal inclúen, segundo dixo, pinchos, canapés, pasteis, viños, cervexas, táboas de queixo e embutidos, menús… “por importes que van dende os 90 ata os 650 euros”.
Por outra banda, o ex alcalde dixo que “chama moito a atención que tanto o PSOE como a Marea xustificasen gastos con facturas emitidas por empresas vinculadas directamente con integrantes de ambas agrupacións políticas”, engadindo que “o intercambio de facturas de empresas vencelladas á Marea cara o grupo municipal socialista e viceversa, de sociedades vinculadas ao PSOE cara o grupo da Marea superan os 7.000 euros”.
Freire sostivo que “hai constancia de que empresas vinculadas á Marea Cidadá de Noia cobraron máis de 2.400 euros ao grupo municipal socialista en concepto de asesoramento de comunicación; mentres que empresas vencelladas ao actual alcalde fixeron o propio co grupo municipal da Marea por un importe superior aos 2.800 euros”.
A maiores, o PP dixo ter descuberto que “empresas vinculadas á Marea Cidadá de Noia emitiron tamén facturas para xustificar gastos do seu propio grupo municipal por preto de 2.000 euros, unhas prácticas que demostran tamén que ambos partidos levan traballando conxuntamente moitos anos antes da moción de censura”.



